Sábado 18 de Agosto de 2018

O Inorde presenta as Xornadas Ferroviarias na estación Baños de Molgas


As actividades desenvolveranse os días 22, 23 e 24 de outubro

As Xornadas Ferroviarias na estación de Baños de Molgas que terán lugar os días 22, 23 e 24 de outubro, foron presentadas esta mañá no Pazo Provincial da Deputación de Ourense. No acto estivo presente o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o xerente do Inorde, Jose Manuel Rodríguez; e o coordinador das xornadas, Francisco Gil.

“Tras o bo resultado do proxecto europeo “Estaciones Vivas”, foi concedido ao Inorde un reforzo financeiro para realizar novas accións como estas xornadas ferroviarias”, asegurou Rosendo Fernández, e engadiu, “teñen como obxectivo apostar pola promoción turística das Estacións en base aos usos para os que foron dotadas”, dende auténticos museos itinerantes de tradición e paixón, ata a recreación da historia do ferrocarril, pasando por unha homenaxe a Moncho Borrajo, xunto con outras estacións dedicadas a albergues turísticos.

Este proxecto que está cofinanciado polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España-Portugal (POCTEP), consistiu na rehabilitación de seis infraestruturas ferroviarias en desuso, na provincia de Ourense e o Funicular de Santa Luzia en Viana do Castelo, “co obxectivo de dotalas de valor e permitir a súa sostibilidade futura”, afirmou o presidente do Inorde.

En canto á programación das xornadas vanse tratar “distintos aspectos que están relacionados co mundo do ferrocarril dende o punto de vista etnográfico, histórico, cultural e patrimonial”, asegurou Francisco Gil. Entre as actividades do día 22 atópase a inauguración das xornadas, unha proxección comentada polo autor do documental “Carrilanos, los túneles de un tiempo”, así como un debate. Ao día seguinte terá lugar a fabricación de ferrocarrís en miniatura, unha mesa redonda, a visita ás Estacións do Inorde, entre outras actividades que se contemplan no programa. O día 24 os participantes terán a opción de facer un recorrido turístico pola Ribeira Sacra.

Deja un comentario