Domingo 21 de Outubro de 2018

Conde e os empresarios de Verín avalían iniciativas conxuntas para potenciar a competitividade empresarial no municipio


 

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou nunha xornada de networking na que escoitou as propostas e inquedanzas dos participantes e lles trasladou as principais liñas de actuación da Consellería

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou nunha xornada de networking con empresarios de Verín co obxectivo de avaliar iniciativas conxuntas para continuar a potenciar a competitividade empresarial no municipio ourensán.

Conde, que tivo a oportunidade de escoitar as propostas e inquedanzas dos participantes así como de trasladarlles as principais liñas de actuación da Consellería en eidos como o financiamento, a innovación ou a internacionalización, afondou nas accións contempladas na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, unha folla de ruta que ten entre os seus obxectivos que a industria creza ata chegar ao 20% do PIB galego no ano 2020, e a creación de 50.000 novos empregos. Tamén resaltou os diferentes instrumentos de financiamento dispoñibles no programa do Igape Galicia 1000.

A través de diferentes iniciativas, nos últimos anos a Consellería que dirixe Francisco Conde destinou máis de 6 millóns de euros ao apoio de preto de 800 proxectos promovidos en Verín, respaldando investimentos de preto de 12 millóns de euros en eidos como o impulso ao parque empresarial e ás infraestruturas comerciais, a mellora do subministro eléctrico ou a eficiencia enerxética, ademais do apoio a diferentes iniciativas empresariais.

No eido da simplificación administrativa, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria recordou o importante impulso que supuxo a Lei do Emprendemento e da Competitividade, na que se suprimiron con carácter xeral as licenzas municipais de obra e actividade substituíndoas por unha comunicación previa. Do mesmo xeito, resaltou a creación das Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM), que asumen a responsabilidade do contido destas comunicacións fronte á administración pública.

Do mesmo xeito, Conde recordou o decreto que pon en marcha unha xanela única para a apertura de gasolineiras ou a próxima activación da oficina Doing Business, unha ferramenta pioneira que nace como unha canle áxil e directa de interlocución que permitirá escoitar a cidadáns, emprendedores e empresarios co obxectivo de simplificar e mellorar a tramitación administrativa de proxectos.

Francisco Conde trasladoulle así mesmo aos participantes as oportunidades que ofrecen os mercados exteriores ás pemes, lembrando que a Xunta destinará ao desenvolvemento da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 50 millóns de euros nos dous próximos anos.

Deja un comentario