Domingo 15 de Decembro de 2019

Feijóo apela ao labor do Consello de Contas como garante da transparencia da administración pública e da vixencia do autogoberno


 

Salienta que este órgano desenvolve o seu labor fiscalizador “con plena responsabilidade e independencia”, o cal é “síntoma de saúde democrática” e simboliza “un dos principais valores da autonomía de Galicia”, di

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe ao labor que realiza o Consello de Contas como garante da transparencia da Administración pública e da vixencia do autogoberno. Fíxoo no acto de toma de posesión do novo conselleiro maior deste órgano estatutario, José Antonio Redondo López.

O mandatario galego sinalou que o Consello de Contas exerce unha función de “torre vixía” sobre a acción dos poderes públicos e correspóndelle fiscalizar o seu proceder para velar pola transparencia da xestión pública. Unha atribución que desenvolve “con plena responsabilidade e independencia”, dixo, o cal é “síntoma de saúde democrática” e simboliza “un dos principais valores da autonomía de Galicia”, subliñou.

Feijóo destacou que este órganos fiscalizador contribúe a afianzar no sector público principios como a ética, a solidariedade, a equidade e a eficiencia na xestión económico-financeira da Comunidade Autónoma. E salientou que tanto o nomeamento do novo conselleiro maior como, recentemente, o da nova Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, demostran que Galicia “non quere renunciar a contar cunha Administración pública transparente, leal á cidadanía e eficiente”.

Máxima transparencia e loita contra a corrupción
Mencionou así que esta Comunidade “foi quen de entender a necesidade que había de redimensionar a Administración pública”, pero fíxoo “coidando de organismos que -como o Consello de Contas- son os piares do noso autogoberno”. Galicia, proseguiu, “capeou a crise e abriu a porta da recuperación preservando a adhesión social e a confianza que os galegos e galegas teñen nas súas institucións. E gañou a cambio credibilidade, porque puxo por diante o control e a transparencia da xestión pública”.

O titular da Xunta lembrou que estes foron os principios que inspiraron as medidas de impulso democrático que a Xunta presentou no Parlamento a comezos de ano para dotar a acción do Executivo da transparencia máxima, para conseguir un maior control externo do Goberno, e para garantir unha maior participación cidadá na mellora do noso sistema de democracia representativa.

Nesta liña, indicou que o labor do Consello de Contas estaba no centro desas medidas pola súa función fiscalizadora dos poderes públicos autonómicos e, sobre todo, pola necesidade de prever que a corrupción atente contra a vida democrática. Por iso, lembrou que o novo conselleiro maior asume o cargo cando xa está en vigor a nova Lei do Consello de Contas que, ademais de recoller reformas técnicas no tocante á súa organización, encomenda a este órgano unha tarefa prioritaria que é a de colaborar na loita contra a corrupción.

Feijóo tamén puxo de relevo o feito de que se incorporen ademais dúas novas conselleiras a este organismo e que, por primeira vez, é unha muller a que ostenta o cargo de Valedora do Pobo, o que demostra como a igualdade de xénero se vai abrindo paso nas institucións galegas, dixo.

O presidente galego concluíu afirmando que o Consello de Contas inicia agora unha nova andaina na que, coma sempre, resaltou, “será necesario para reafirmar os nosos principios democráticos como país; pero, tamén máis que nunca, será indispensable para contribuír a dignificar as institucións públicas”.

Deja un comentario