Xoves 25 de Abril de 2019

A Xunta promoveu o destino galicia a través de 28 viaxes de familiarización nos que participaron 179 prescriptores no que vai de ano


 

Os participantes nestas accións de promoción coñeceron produtos turísticos singulares de Galicia como o Camiño de Santiago, o Entroido, os Viños e Camelias, os faros e praias, a enogastronomía, os pazos ou o tren turístico Al-Andalus entre outros

Este ano promoveuse o destino Galicia a través de 28 viaxes de familiarización, unha forma de promoción turística que, baseada no coñecemento ‘in situ’ do destino, ten, por un lado, unha grande importancia para os axentes de viaxe, porque poden prescribir o destino cun mellor coñecemento, e, por outro, un gran valor publicitario para o territorio receptor xa que os seus atractivos e recursos turísticos son difundidos mediante reportaxes e informacións variadas nos medios de comunicación.

Estas viaxes para prescriptores foron organizadas directamente por Turismo de Galicia ou en colaboración con outros organismos e entidades entre os que destacan as oficinas españolas de turismo no exterior.

Nestas viaxes de familiarización participaron no que vai de ano un total de 179 prescriptores, entre os que se inclúen xornalistas e operadores turísticos de diferentes nacionalidades. Foron destacados os axentes filipinos interesados no Camiño de Santiago, o grupo de prensa de Polonia, os touroperadores e xornalistas rusos ou o numeroso grupo de axentes chineses.

Con este medio de promoción deuse a coñecer diferentes lugares da xeografía galega, así como diversos produtos característicos de Galicia como o Camiño de Santiago, os faros e as praias, o Entroido, Os Viños e Camelias, e enogastronomía, os pazos ou o tren turístico de luxo Al-Andalus Camiño de Santiago.

No calendario anual hai xa programadas outras sete viaxes de familiarización nas que participarán máis de 50 prescriptores nos meses de setembro e outubro. Nestas viaxes promoverase o termalismo galego coincidindo coa celebración de Termatalia do 24 ao 26 de setembro, ademais doutros produtos desestacionalizadores .

Deja un comentario