Domingo 21 de Outubro de 2018

Os concellos de Cortegada, Padrenda, Parada de Sil e San Amaro melloran as súas infraestruturas municipais grazas a unha axuda da vicepresidencia


 

Será mediante a sinatura de cinco convenios de cooperación entre a Vicepresidencia e cada un destes concellos da provincia da Coruña

O director xeral de Administración Local, José Alberto Pazos Couñago, asinou varios convenios de colaboración para a mellora de infraestruturas e equipamentos nos concellos de Cortegada, Padendra, Parada de Sil e San Amaro, todos eles na provincia de Ourense.

En Cortegada a Xunta fará unha achega de 11.895 euros para financiar as obras de traslado de varias oficinas do edificio do Concello; mentres que en Padrenda a súa axuda de 20.000 euros será para a mellora de varias infraestruturas municipais, como o depósito de auga de Casal de Veco ou a renovación das beirarrúas da praza de San Roque, entre outras.

Pola súa banda, en Parada de Sil faranse dúas actuacións, cun importe global de 59.798 euros: a reparación dos pavimentos de rúas nos núcleos de poboación de Caxide, Forcas e Pradomao; e a construción duns módulos de aseos e recepción de visitantes no entorno do Mosteiro de Santa Cristina. Por último, achegaranse 19.834 euros para a mellora e conservación no núcleo de Cristimil, en San Amaro.

Estes convenios asínanse ao abeiro dunha orde de subvencións da Vicepresidencia, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos en 2015; que está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia.

Este programa, ao igual que a Xunta de Galicia, ten entre as súas prioridades “a mellora da calidade de vida nas zonas rurais” e por iso o Goberno galego decidiu apoiar economicamente a aquelas actuacións cuxo obxectivo sexa mellorar as infraestruturas e equipamentos de uso público e, por tanto, dos servizos municipais que os concellos prestan aos seus veciños e veciñas.

As actuacións subvencionables baixo esta orde eran proxectos de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos -prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís-; edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos administrativos; e instalacións deportivas de uso público; así como as súas respectivas dotacións de equipamentos. Ademais, tamén eran subvencionables as instalacións, ampliacións e melloras das redes de alumeado público e a pavimentación de vías municipais que non estean incluídas no programa de mellora de camiños do concello beneficiario.

Deja un comentario