Xoves 21 de Outubro de 2021

Nava Castro visita o centro de adestramento de remos dos balnearios de Arnoia e Laias


 

Na súa estadía estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, e mais o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez

A directora de Turismo de Galicia, Mª Nava Castro Domínguez, xunto co delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez González e o xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, visitaron o centro de adestramento de remos dos balnearios de Arnoia e Laias.

No campo de regatas de Arnoia puideron descubrir o novo equipamento financiado pola Xunta de Galicia que está composto de sala de musculación, remoergómetros e embarcacións de apoio. A adquisición deste equipamento foi posible grazas ao convenio de colaboración asinado entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense para a realización de actividades de dinamización turística na provincia de Ourense.

Este convenio tamén recollía os actos de promoción internacional de “Ourense Provincia Termal” e potenciación do Centro de Adestramento de Remo Laias-Arnoia e Castrelo (CERLAC) en diferentes eventos como as Copas do Mundo de Remo de Posnan (Polonia) e Lucerna (Suíza), nos meses de maio e xullo respectivamente, mais no Mundial de Aiguebelette (Francia), que se celebrará a finais deste mes. Esta promoción internacional iniciouse o pasado ano no Mundial de Piragüismo de Amsterdam incluído no mesmo convenio de colaboración do 2014.

Estas actuacións contribúen á potenciación do territorio e a súa consolidación como destino turístico. Os obxectivos son a potenciación da desestacionalización da oferta turística, a elaboración e promoción de produtos turísticos centrados no termalismo e no deporte e a promoción de produtos turísticos en mercados de proximidade.

Nava Castro destacou que o turismo deportivo é un dos atractivos da nosa comunidade autónoma xa que “existen unhas condicións envexables para a práctica de numerosas actividades, dende os deportes tradicionais ata os deportes extremos e os náuticos”.

Nesta visita tamén mantiveron un encontro en Laias con membros da selección australiana de remo e a directora de Turismo especificou que a gran riqueza que ten Galicia para a potenciación do remo é a combinación das infraestruturas necesarias para albergar un centro de concentración de referencia cos beneficios do termalismo a través dos seus balnearios. “Reúne todo o necesario para que Galicia sexa un destino turístico para o adestramento ao mais alto nivel”, explicou.

Plan Termal
En Cenlle xa se realizou o pasado ano a mellora do acceso á área termal de Laias dende a Estrada N-120. Esta actuación integrada no Plan Termal beneficia indistintamente aos veciños da localidade e aos usuarios do balneario.

O balneario de Cortegada, o aumento da capacidade da oferta de aloxamento en Verín mediante a conversión da acrópole de Monterrei en Parador ou a creación de novas rutas turísticas como o Ecovía fluvial do Támega ou a ruta do río Caldo son tamén algunhas das actuacións xa finalizadas do Plan Termal.

A elas hai que engadir o traballo continuo desenvolvido para o incentivo á implantación do Q de Calidade Turística, o fomento da formación e promoción do termalismo a través da colaboración con Termatalia e a organización de viaxes de familiarización e de prensa para dar a coñecer o termalismo galego a nivel nacional e internacional.

A execución de accións está a continuar neste ano con actuacións como a sinalización das vilas termais, o inicio dos traballos para a clasificación e definición da oferta termal, o desenvolvemento do programa Turismo Senior Termal de Galicia ou o avance do proxecto Smart Turismo.

En total, investíronse mais de tres millóns de euros en iniciativas integradas neste plan a prol do turismo termal de Ourense en particular e de Galicia en xeral.

Deja una respuesta