Luns 24 de Febreiro de 2020

A Xunta convocará este mes oposicións para reforzar a inspección tributaria e a loita contra a fraude fiscal


 

Estes procesos selectivos permitirán cubrir 11 prazas nas escalas superior e técnica de Finanzas da Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia publicará este mes a convocatoria dos novos procesos selectivos para o ingreso na Escala Superior de Finanzas (subgrupo A1) e na Escala Técnica de Finanzas (subgrupo A2), o que permitirá cubrir 11 prazas para reforzar ámbitos de Administración como a inspección e a loita contra a fraude fiscal.

Polo que respecta á Escala Superior de Finanzas, o obxectivo é o de cubrir tres prazas polas quendas de acceso libre e promoción interna. O sistema selectivo será o de oposición e irá seguido dun período de prácticas. Por outra banda, na Escala Técnica de Finanzas o proceso selectivo permitirá cubrir oito prazas polas quendas de acceso libre e de promoción interna. Ao igual que no caso da Escala Superior, o proceso constará de dúas fases, a oposición e o período de prácticas.

Estes dous procesos selectivos reforzan os xa convocados en xullo de 2013 para a Escala Superior e a Escala Técnica de Finanzas, para os que esta mesma semana se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) o período de prácticas de cada unha das escalas. Un total de nove opositores que xa superaron todas as probas selectivas iniciarán as súas prácticas a vindeira semana -o 4 de maio- e rematarán o 3 de xullo de 2015.

Os períodos de prácticas consisten na aplicación á realidade cotiá do traballo administrativo e ao funcionamento da organización dos coñecementos previamente adquiridos polos aspirantes. Deste xeito, prepáranse para o exercicio das funcións específicas que levarán a cabo na Administración. Os funcionarios en prácticas que superen o período de prácticas coa cualificación de apto serán nomeados funcionarios de carreira.

En global, a Oferta de Emprego Público da Xunta para 2015 no eido da Función Pública inclúe 373 prazas, multiplicando por sete o número de prazas respecto ao ano anterior.

Oposicións que se convocarán en maio:
Escala Superior de Finanzas (A1) 3 prazas
Escala Técnica de Finanzas (A2) 8 prazas
Oposicións xa rematadas, nas que se inicia o período de prácticas:
Escala Superior de Finanzas (A1) 3 prazas
Escala Técnica de Finanzas (A2) 6 prazas

Deja un comentario