Domingo 09 de Decembro de 2018

O Concurso Científico de Economía e Industria congrega a numerosas persoas en Verín para medir os seus coñecementos


 

A Casa Consistorial da vila ourensá foi hoxe o taboleiro de xogo de Big Ciencia, unha espectacular actividade de divulgación que combina o concepto clásico de concurso de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato

Numerosas persoas déronse cita ante o Concello de Verín para poñer a proba os seus coñecementos científicos en Big Ciencia, un espectacular concurso popular que converteu a Casa Consistorial da vila ourensá nun xigantesco taboleiro de xogo.

O atractivo e innovador formato desta orixinal iniciativa de divulgación científica atraeu a atención de grupos de amigos e familias, xa que combina en plena rúa o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato, o que xerou grande expectación nun dos puntos máis emblemáticos da localidade.

O obxectivo desta actividade, promovida pola Consellería de Economía e Industria a través da Axencia Galega de Innovación, é sacar a ciencia e a innovación dos laboratorios e dos despachos por unhas horas para que os galegos e galegas convivan con ela dun xeito ameno e divertido.

Trala boa acollida en 2013 en cinco grandes cidades galegas e na pasada edición especial Nadal en Santiago, Big Ciencia retomou en Verín unha segunda edición coa que volverá percorrer Galicia coa novidade de que nesta ocasión se celebrará tamén en núcleos de poboación medianos para chegar a novos públicos, aproveitando ademais as temperaturas primaverais, que invitan máis a xogar na rúa.

Cunha mecánica moi sinxela e apta para todas as idades, o concurso de preguntas científicas botou a andar cando os dous primeiros contrincantes se situaron diante dos pulsadores e da gran pantalla de luxo na que se converteu o Concello verinés.

Un xogo moi participativo
¿Que ano internacional se celebra en 2015?, ¿quen inventou o termómetro?, ¿que contén o sangue do noso organismo? O máis rápido en premer o pulsador era o primeiro que tiña a opción de contestar. Mediante preguntas tipo test, o reto para os que se atreveron a medir os seus coñecementos fronte a un rival era elixir a resposta correcta de entre catro posibles, podendo pedir axuda aos espectadores. Precisamente este comodín do público foi o que fomentou a participación de todos os espectadores do concurso, que enganchou aos viandantes desde un principio dada a súa axilidade.

Todas as partidas foron a cinco preguntas e, unha vez finalizado o xogo, o que máis respostas acertaba recibía un pin-distintivo para participar na seguinte fase, xa que o gañador final tivo que superar tres axustadas eliminatorias.

Próximas paradas, Lalín, Ferrol e Chantada
Tras esta primeira parada en Verín, Big Ciencia continuará a súa xira por Galicia chegando mañá á localidade pontevedresa Lalín, onde os cidadáns teñen unha cita coa ciencia e a innovación ás 21:30 horas na igrexa da vila, sobre a que se proxectarán a grande escala as preguntas e respostas do concurso.

Xa a próxima fin de semana e co mesmo horario, serán Ferrol e Chantada os escenarios elixidos o venres 24 e o sábado 25, respectivamente. No primeiro a fachada que actuará de taboleiro de xogo será a do edificio da Fundación Caixa Galicia, na Praza da Constitución, mentres que no segundo os concursantes xogarán sobre a Casa Consistorial da vila.

Deja un comentario