Xoves 15 de Novembro de 2018

O Camiño de Santiago consolídase como modelo turístico sostible a nivel internacional


 

A directora de Turismo de Galicia participou na primeira xornada do Encontro Iberoamericano sobre desenvolvemento sostible e turismo na cidade de Cartaxena de Indias en Colombia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na primeira xornada do Encontro Iberoamericano sobre desenvolvemento sostible e turismo no Centro de Formación da Cooperación Española (CFCE) da cidade de Cartaxena de Indias en Colombia.

O encontro ten como obxectivo a posta en releve da importancia de establecer e debater entre todas as institucións vinculadas directa ou indirectamente co sector as oportunidades que ofrecen os destino turísticos para mellorar a calidade de vida da poboación.

O Centro de Formación da Cooperación Española da cidade de Cartaxena de Indias aglutinou durante a primeira xornada do encontro a ministros e responsables de Turismo de toda iberoamérica.

Neste marco, a directora de Turismo de Galicia ofreceu un relatorio do Camiño de Santiago como exemplo de desenvolvemento turístico-sostible, na mesa redonda ‘Planificación do turismo para un desenvolvemento sostible e integral’, e participou no foro ‘Xestión urbana integral de destinos turísticos de calidade’, no cal impartiu unha conferencia sobre o desenvolvemento dunha cidade a través do turismo de calidade.

Desenvolvemento turístico sostible do primeiro Itinerario Cultural Europeo
Durante a súa primeira intervención, a directora de Turismo de Galicia destacou as numerosas distincións que avalan a importancia do Camiño de Santiago, entre as que destacou a declaración de Primeiro Itinerario Cultural Europeo, en 1987 polo Consello de Europa, a declaración de Patrimonio de la Humanidade por la UNESCO en 1993, o Premio Príncipe de Asturias da Concordia, en 2004, ou a declaración de Embaixador Honorario da Marca España obtida o pasado ano, entre outras.

Así mesmo, Nava Castro falou do incremento que experimentou a Ruta Xacobea tanto na súa oferta como demanda, resaltando que en 1987 foron 2.905 os peregrinos que chegaron a Santiago, en 2008 contabilizáronse arredor de 125 mil e o pasado ano 2014 cerrou coa chegada de 237.886 peregrinos. Ademais a responsable de Turismo da Xunta sinalou que o importante incremento dos peregrinos internacionais que xa supoñen máis da metade dos peregrinos que recollen a Compostela. Neste senso, afirmou que Colombia é o sexto país do continente americano de onde viñeron máis peregrinos o pasado ano.

A directora de Turismo de Galicia, incidiu en que o goberno galego traballa a prol da potenciación do Camiño buscando un desenvolvemento sostible do mesmo e atendendo a súa capacidade de carga. “Apostamos pola revitalización, conservación e dinamización da ruta para non perder a esencia que marabilla ano tras ano a numerosos peregrinos e que supón o outorgamento desas diversas distincións e galardóns que lle foron outorgadas ao longo da historia”, explicou.

Por outra banda, Nava Castro recordou que este ano, mozos de toda iberoamérica realizarán a expedición académica-cultural da RUTA BBVA coñecendo de primeira man o Camiño de Santiago.
A directora de Turismo de Galicia concluíu o seu relatorio animando a todos os presentes a realizar o Camiño argumentando que é “un itinerario inesquecible que non deixa indiferente a ningún”.

As cidades galegas, exemplo de turismo de calidade
A directora de Turismo de Galicia comezou o seu relatorio sobre o desenvolvemento das cidade a través do turismo de calidade facendo un recorrido polas sete principais cidades de Galicia. Durante o mesmo, destacou as principais características e reclamos turísticos de cada unha delas resaltando a súa diversificación e especialización en diferentes tipoloxías de turismo dependendo das potencialidades de cada unha.
Nava Castro sinalou que unha das apostas comúns nas sete cidades é o desenvolvemento turístico das mesas a través da calidade da cal afirmou “non debe ser un obxectivo final, senón unha maneira de traballar dentro do sector”.
A responsable de Turismo da Xunta explicou que a calidade constitúe un elemento diferenciador cara á internacionalización do destino e neste senso falou das diferentes certificacións que avalan esta eficiencia das empresas e destinos turísticos. Así, destacou a marca Q de Calidade Turística do Instituto da Calidade Turística Española (ICTE) y o certificado SICTED, o Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos.
Nava Castro resaltou que Galicia conta actualmente con 268 establecementos e servizos certificados coa Q de Calidade Turística, o que a converte na comunidade autónoma con máis certificacións tras Andalucía, e cinco destinos SICTED –Baiona, Guitiriz, a provincia de Pontevedra, Sanxenxo e Ferrol-.
Por último, a directora de Turismo de Galicia afirmou que a política de calidade turística converteuse na actualidade nun factor fundamental de diferenciación e de competitividade no sector turístico galego.

Deja un comentario