Xoves 15 de Novembro de 2018

A Xunta destina 6 millóns para innovar na industria cárnica galega co obxectivo de facer máis rendible e eficientes as explotacións e crear produtos de maior calidade


 

Este proxecto permitirá duplicar a dimensión actual do CTC e iniciar o camiño para converterse nun centro de referencia no seu sector, co obxectivo de lograr integrarse no selecto rexistro estatal de centros tecnolóxicos, como xa ocorre no CTAG, Aimen, Anfaco, Gradiant e o Instituto Tecnolóxico de Galicia

Santiago, 9 de abril de 2015.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou tras o Consello da Xunta, o convenio de colaboración co Centro Tecnolóxico da Carne para a execución dunha carteira de proxectos ao longo dos próximos catros anos, que contribuirán a que as explotacións cárnicas galegas sexan máis eficientes e rendibles, á creación de produtos innovadores e de maior calidade e a unha xestión máis responsable e eficiente dos de residuos.

Logo de precisar que esta actuación enmárcase na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), Feijóo afirmou que a través da transferencia de coñecemento xerado polo Centro Tecnolóxico da Carne, as empresas cárnicas galegas contarán con solucións tecnolóxicas máis avanzadas para incrementar a súa facturación e tamén os seus beneficios.

O acordo contempla sete proxectos de innovación impulsados polo Centro Tecnolóxico da Carne, en colaboración co sector e aproveitando a alianza do Centro coa empresa Coren, o que permitirá mobilizar 24 millóns de euros (6 millóns son fondos públicos) e empregar na súa execución 90 profesionais das dúas entidades.

Dous destes proxectos están relacionados coa cría do polo: un deles permitirá establecer criterios para determinar a calidade das canais de carne. E outro mellorará os protocolos de manexo das galiñas e galos para incrementar os índices reprodutivos e, en consecuencia, a produtividade dos polos de carne.

En relación á cría de porco, levarase a cabo un proxecto dirixido a introducir a raza autóctona Celta no esquema de selección xenética para aumentar a calidade da carne de porcino tanto en produto fresco como en xamóns de gama alta. E, outra das liñas de investigación dirixirase a optimizar os programas de alimentación para incrementar a produtividade, reducindo os custos sen que a calidade da carne se resinta.

No eido enerxético, Feijóo salientou que se desenvolverá un sistema de valorización integral dos zurros porcinos para darlles saída como fertilizantes e biocombustibles; e, tamén, a valorización enerxética a través da biomasa dos residuos das granxas de polos.

A saúde animal centrará outras dúas iniciativas, co obxectivo de establecer as bases para a produción de alimentos de orixe animal mellorando as súas condicións de vida. E, no tocante ao desenvolvemento de alimentos innovadores investigarase sobre produtos cárnicos adaptados ás necesidades nutricionais específicas de bebés, nenos, adolescentes e maiores de 65 anos.

“En definitiva, seguimos a traballar no ámbito da innovación; agora, na industria cárnica galega. E seguimos tamén a facelo da man do Centro Tecnolóxico”, aseverou Feijóo, logo de salientar que no ano 2014, o sector da carne comprendía 600 empresas, dando emprego a 9.000 persoas e cunha facturación de 1.400 millóns de euros.

Así mesmo, afirmou que esta nova aposta polas capacidades do CTC permitiralle duplicar a súa dimensión actual e iniciar o camiño para converterse nun centro de referencia no seu sector, co obxectivo de lograr integrarse no selecto rexistro estatal de centros tecnolóxicos, como xa ocorre no CTAG, Aimen, Anfaco, Gradiant e o Instituto Tecnolóxico de Galicia.

Deja un comentario