Domingo 21 de Outubro de 2018

Feijóo presenta a ampliación do parque empresarial verinés de Pazos


 

Di que iso equivale a novos proxectos empresariais ao longo de todo o territorio, cos que se prevé acadar un investimento de 105 millóns de euros e a creación de 3.500 postos de traballo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou a ampliación do parque empresarial de Pazos, no concello de Verín, onde destacou que as bonificacións que contempla a Axenda da Competitividade Industrial, con rebaixas de ata un 50% no solo industrial, están a acadar resultados satisfactorios. Así, na súa primeira fase, esta iniciativa permitiu adxudicar máis de 200.000 metros cadrados, o que supón que se ten adxudicado nun mes tanta superficie de solo industrial como nos dous últimos anos.

Nesta liña, Feijóo destacou que iso equivale a novos proxectos empresariais ao longo de todo o territorio, cos que se prevé acadar un investimento de 105 millóns de euros e a creación de 3.500 postos de traballo. Ademais, o mandatario galego engadiu que en abril o Goberno galego activará unha segunda fase que sacará a concurso arredor de 210 parcelas propiedade do IGVS, situadas en 17 parques empresariais de toda Galicia. Será, por tanto, unha superficie total que suma 470.000 m² e que contará con bonificacións de entre o 30% e o 50%.

No relativo ao polígono de Pazos, Feijóo recalcou que, coa súa ampliación, a Xunta está a ofrecer ao tecido empresarial ourensán unha oferta de solo industrial de calidade; pero, o que é máis importante, “estamos ofrecéndoo nas mellores condicións de adquisición: cun 50% de rebaixa sobre o prezo actual por tratarse dun polígono situado no ámbito do Plan Impulsa Ourense”, destacou.

Así mesmo, sinalou que a Xunta abriu para os emprendedores de toda a comarca unha maior maior extensión de terreo preparado para o seu uso industrial e comercial. Segundo apuntou, trátase dunhas obras de ampliación que eran imprescindibles para cubrir a demanda de solo industrial existente no concello, posto que o seu parque empresarial non dispoñía de ningún metro libre para a instalación de novas empresas. De feito, como puxo de manifesto o titular da Xunta, o 50% das novas parcelas xa teñen sido do interese dalgún emprendedor, o que constata a súa necesidade.

Así, se ata o de agora este polígono ocupaba un área de 132.000 m², grazas a esta actuación, na que a Xunta investiu 2,3 millóns de euros incrementa a súa superficie en máis de 70.500 m², é dicir, nun 53%. Isto significa, como explicou Feijóo, que se antes dispoñía de case 86.000 m² reservados para uso industrial, logo da ampliación, conta con 46.500 m² máis a disposición das empresas.

Como recalcou o presidente da Xunta, esta ampliación é o resultado dunha primeira fase de actuación. Agora, unha vez cuberta na súa totalidade, en función da demanda e das necesidades de solo industrial que puidese haber nesta zona, podería continuar cunha segunda fase, que permitiría dobrar a superficie global do parque e suporía un investimento próximo aos 8 millóns de euros.

Unha actuación estratéxica
O mandatario galego valorou positivamente a actuación acometida no parque industrial de Verín, que tildou de “estratéxica” dado que supón poñer a disposición das empresas do conxunto da comarca novo solo industrial no que instalarse e, polo tanto, unha oportunidade para impulsar a actividade económica e o emprego nesta zona.

Así mesmo, fixo fincapé en que, grazas á ampliación, ofrécese ás empresas un espazo renovado e con capacidade loxística, por ter acceso ás principais vías de comunicación da comarca (como é o caso da N-525, ou da estrada local OU-1014). Ademais, lembrou a ubicación privilexiada do parque, situado en plena eurocidade Verín-Chaves, o que permite ás empresas aproveitar a proximidade con Portugal para abrir maiores posibilidades de negocio.

Melloras na rede de saneamento
Alberto Núñez Feijóo sinalou tamén que a ampliación do parque empresarial supuxo dotalo dunha mellor rede de infraestruturas e servizos, como a subestación eléctrica de Fenosa, que dá servizo a todo o polígono e aos concellos da comarca, cunha maior potencia de subministración, ou as melloras que se van acometer na rede xeral de saneamento de Verín.

Trátase dunhas obras, xa licitadas, que contan cun investimento de 838.000 euros para mellorar a capacidade do sistema de saneamento do municipio, e que prevén a construción dun novo colector de bombeo no polígono de Pazos.

Compromiso cos servizos públicos
Por outra banda, o presidente do Goberno galego lembrou que a Xunta non só está a desenvolver diversos plans de apoio ao tecido industrial da comarca, senón tamén outras accións para impulsar o seu valor turístico e, sobre todo, destinadas á mellora dos servizos públicos.

Así, lembrou que no ámbito laboral, desde 2009 a Xunta leva investido en Verín un total de 6,7 millóns de euros en iniciativas para o fomento do emprego e a formación. Ademais, no ámbito sanitario, destacou o Hospital de Verín como centro de referencia no relativo á implantación de medidas de eficiencia enerxética na rede do Sergas, posto que a Xunta destinou a este hospital máis de 350.000 euros para equipalo con dúas caldeiras de biomasa.

Deja un comentario