Xoves 15 de Novembro de 2018

Lete Lasa subliña o auxe do campo a través entre os escolares, unha das modalidades estrela do programa xogade


 

Indica que nas últimas tempadas esta modalidade deportiva medrou máis dun 27 por cento en participación, pasando de 15.737 escolares no período 2011-2012 aos 20.051 da tempada actual

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou o Campionato Galego de Campo a Través Escolar, que terá lugar este sábado día 21 no complexo deportivo de Monterrei, instalacións dependentes da Xunta e situadas en Pereiro de Aguiar. Neste certame poden participar os clubs e centros educativos clasificados nas correspondentes fases provinciais e está previsto que compitan 381 atletas.

No transcurso de acto celebrado en compañía do delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e do director técnico da delegación de Ourense da Federación Galega de Atletismo, Ángel Fidalgo, o responsable autonómico de Deportes subliñou o auxe desta modalidade deportiva en Galicia, “que nas últimas tempadas medrou máis dun 27 por cento en participación”, pasando de 15.737 escolares no período 2011-2012 aos 20.051 da tempada actual.

Lete Lasa indicou que o campo a través “é unha das modalidades deportivas estrela do programa Xogade”, que a Xunta desenvolve no eido escolar co fin de promover a actividade física e lúdica entre os máis novos, como parte do seu crecemento persoal e da súa calidade de vida. Salientou que, dentro do referido programa, o campo a través é a segunda actividade en deportistas practicantes -detrás do fútbol- e a primeira no que respecta ao número de centros educativos, con 364 adheridos na tempada actual, dos que 77 pertencen á provincia de Ourense.

Nesta liña, quixo agradecer ao profesorado de Educación Física o seu traballo na promoción desta disciplina deportiva, ao favorecer que “os rapaces e rapazas realicen exercicio físico saudable á vez que gozan da natureza e dos numerosos espazos de alto valor que temos en Galicia”.

 
Campionato Galego de Campo a Través
A final galega deste sábado no complexo deportivo de Monterrei inclúe probas para a alevíns, infantís e cadetes, nas categorías masculinas e femininas. Poden competir os clubs e colexios clasificados nas fases provinciais celebradas en Galicia, pasando á final deste sábado, por cada provincia e categoría, os dous primeiros equipos e os oito primeiros atletas -se non forman parte dos equipos clasificados-. En total, espérase a participación de 381 deportistas, que competirán a nivel individual e por equipos.

O Campionato Galego de Campo a Través Escolar será clasificatorio para o Campionato de España Cadete que terá lugar en Guadalajara os días 28 e 29 de marzo. Formarán parte da selección galega os cadetes que na final deste sábado acaden os catro primeiros postos.

Deja un comentario