Domingo 23 de Setembro de 2018

Turismo de Galicia invertiu no 2014 máis de 550 mil euros na Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago


 

O obxectivo é conservar e protexer os 70 albergues que conforman a rede pública e que ofrecen un total de 3.278 prazas ao longo das distintas rutas xacobeas para que cumpran uns niveis de calidade axeitado

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polo alcalde de Xunqueira de Ambía, Jose Luis Gavilanes, e o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, visitou o resultado das obras de reparación e mellora do albergue público de peregrinos de dito concello ourensán.

As obras estiveron encamiñadas a mellorar a habitabilidade do albergue debido a que nas zonas comúns se alcanzaba en verán unha temperatura moi elevada. Desta forma, o albergue mellorou as súas condicións de acollida e ventilación.

A actuación consistiu concretamente na instalación dunha celosía corredoira de apertura e peche manual, para deste xeito tamizar a luz entrante, a substitución dunha ventá fixa na fachada noroeste, por unha practicable, e a execución de goteróns nas ventás da fachada, uns elementos constritivos que teñen como misión impedir a escorrentía da auga da chuvia.

Así mesmo, leváronse a cabo accións de mantemento relativas á reparación do solado das habitacións, á instalación eléctrica e á OCA -Revisión Organismo de Control Autorizado-.

Con estas obras preténdese mellorar a calidade das instalacións para que todos os albergues da rede pública do Camiño de Santiago cumpran uns niveis de calidade axeitados.

Nesta liña, a Xunta de Galicia realiza grandes esforzos en conservar e protexer esta rede pública de albergues, que no pasado ano acolleu un total de 336.739 peregrinos, con labores de mantemento, reparación e mellora continuas.

Así, no 2014 Turismo de Galicia inverteu máis de 550 mil euros nas obras efectuadas nos 70 establecementos que conforman a rede pública de albergues do Camiño e que ofrecen un total de 3.278 prazas ao longo das distintas rutas xacobeas.

A dotación destas prazas de aloxamento, o feito de ter unha rede perfectamente estruturada e habilitada para a acollida aos peregrinos, así como o feito de contar con prazas adaptadas a persoas con diversidade funcional conforman unha infraestrutura de aloxamento galega digna do Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

Máis de 1.900 pernoitas no 2014
Situado na Vía da Prata, o albergue de Xunqueira de Ambía foi inaugurado no ano 2000 e, tras a súa reforma no ano 2009, conta cun total de 24 prazas.

Este albergue pertencente á rede pública da Xunta de Galicia e xestionado polo concello de Xunqueira de Ambía, rexistrou, no pasado ano, un total de 1.924 pernoitas das 21.337 rexistradas nesta ruta xacobea.

A Vía da Prata conta con doce albergues dentro da rede pública – A Gudiña, Verín, Laza, Viladerrei, Vilar de Barrio, Sandiás, Xunqueira de Ambía, Ourense, Cea, Lalín, Bandeira e Vedra-, nove deles na provincia de Ourense e tres na provincia de Pontevedra, que ofertan un total de 396 prazas de aloxamento.

No 2014, preto de 8.500 peregrinos escolleron a Vía da Prata para facer o seu camiño a Compostela, o que sitúa esta ruta na quinta máis transitada.

Deja un comentario