Luns 24 de Xuño de 2019

A Consellería de Cultura e Educación investirá preto de 300.000 euros en dúas novas actuacións para a conservación do patrimonio da Catedral de Ourense


 

A reforma do sistema eléctrico a restauración das reixas da Capela Maior e da decoración románica da cabeceira elevarán a máis de 1,8 millóns de euros o destinado desde 2009 pola Xunta a este templo de San Martiño

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá preto de 300.000 euros en dúas novas actuacións para a conservación do patrimonio da Catedral de Ourense, de tal forma que a achega da Xunta a este templo desde 2011 se elevará a máis de 1,8 millóns de euros. Así se acordou nunha reunión mantida co bispo de Ourense, Leonardo Lemos Montanet; e mais co deán, José Perez Domínguez, na que se concretou que as obras se centrarán na reforma do sistema eléctrico e na substitución de luminarias na cuberta e interior do templo, e na restauración das reixas da Capela Maior e da decoración románica da cabeceira da catedral.

As obras que a Consellería está a desenvolver nas cubertas da Catedral de San Martiño deixaron á luz o avanzado estado de deterioro tanto da instalación eléctrica como da decoración románica. Isto levou á Consellería a comprometerse a acometer coa maior dilixencia estas melloras co fin de evitar calquera tipo de perigo, tanto para o patrimonio cultural como para as persoas. Ademais, cómpre sinalar que a devandita decoración, composta fundamentalmente por canzorros románicos, é un dos elementos máis antigos deste templo, dun valor artístico e cultural, así como con máis atractivo para os visitantes.

Estas novas intervencións súmanse ás xa en marcha e ás xa realizadas nos últimos anos. Neste sentido cómpre lembrar que están en licitación – xa en fase de avaliación de ofertas- as obras para o acondicionamento do patio que se encontra entre a nave da catedral e o edificio de Coengos, así como das criptas que están por debaixo del. En concreto, os traballos consistirán na recuperación e acondicionamento deste espazo, así como na eliminación de humidades e na restauración das canterías e cubertas da zona. Esta actuación permitirá recuperar a vista da fachada sur da Catedral, nestes momentos parcialmente cuberta, co que se ennobrecerá a entrada ao Arquivo Catedralicio e ao edificio de Coengos. Os traballos servirán, así mesmo, para recuperar un espazo que podería destinarse á ampliación do museo do templo, coa posibilidade de facer nel unha exposición de pezas pétreas ao aire libre.

Así mesmo, é inminente a adxudicación da intervención para a recuperación da portada medieval e limpeza da fachada norte, para o que se realizarán tarefas de limpeza da superficie eliminando os elementos que poñen en risco a súa conservación, así como a reintegración das pezas que fora necesaria.

Obras en execución e rematadas
Ademais, remataron xa os traballos de restauración da pintura de San Cristovo no muro norte do nártex da catedral, uns traballos que tiveron o obxectivo de rematar coas patoloxías desta representación – sucidade, colonizacións biolóxicas…- que permitan a recuperación deste ben cultural.

Entre as intervencións recentemente rematadas, cómpre salientar recuperación da Capela de San Xoán, grazas á que se puido abrir de novo ao público este espazo, tras as actuacións realizadas sobre as vidreiras, o retablo, os paramentos exteriores e interiores, así como no patín norte.

Así mesmo, está en marcha a segunda fase dos traballos de restauración das cubertas da catedral, en concretod as que se atopan na zona da cabeceira da catedral, sobre as ábsidas da xirola e muros e estruturas contiguas, incluíndo a capela do Santo Cristo. O fin destas obras foi mellorar a impermeabilización dos elementos de cobertura, limpeza e rexuntado de muros e petos lindantes, actuacións que se complementarían coa reparación de instalacións, carpinterías e outras pequenas reparacións nas cubertas na área da capela do Santo Cristo. Neste proxecto incluíuse tamén a reparación puntual das terrazas da torre sur, co obxecto de corrixir a entrada de auga que desde esta cuberta está a afectar ao paramento sur do espazo do nártex, sobre o que se atopa unha pintura mural rehabilitada.

Desde 2011 a Consellería ten realizado arranxos puntuais nos canlóns, traballos de impermeabilización na terraza da sancristía e reparacións nos enlousados e tellas das cubertas, principalmente da torre norte e das naves do cruceiro. Ademais, os investimentos destináronse á restauración do órgano catedralicio e das pinturas murais e o retablo da parte sur do nártex, que se completaron coa restauración das pinturas e o conxunto completo do Pórtico do Paraíso, incluíndo os elementos arquitectónicos e escultóricos pétreos e lígneos, como a Virxe Pétrea do retablo de Nosa Señora de Belén.

Deja un comentario