Domingo 16 de Xuño de 2019

O Concello de Verín elabora, por terceiro ano consecutivo, un Plan de Autoprotección para o Entroido


 

Seguindo a liña que a área de Seguridade Cidadá do Concello de Verín está a desenvolver nos últimos anos, co obxectivo de organizar e garantir os medios e medidas necesarias en materia de seguridade de eventos para, que tanto os veciños/as como os/as visitantes poidan desfrutar do Entroido de Verín sen que se poña en risco a súa saúde e integridade física, elaborouse un Plan de Autoprotección para o Entroido 2015.

Devandito plan, que se realiza por terceiro ano consecutivo, reflicte a coordinación necesaria entre os diferentes equipos de emerxencia e os protocolos de actuación a seguir, no caso necesario, para garantir a seguridade do público e dos profesionais que desempeñan a súa labor nas diferentes actividades que forman parte do Entroido de Verín.

O plan contempla ás seguintes medidas:
1. Reforzo dos equipos dos grupos de emerxencia, tanto de axuda interna (Protección Civil de Verín, Protección Civil de A Gudiña, Protección Civil de Lobios, Cruz Vermella de Monterrei, Policía Local de Verín, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico e Axencia Galega de Emerxencias), coma externa (Consorcio Contra Incendios e Salvamento da Comarca de Verín e 061).

2. Posta en marcha dos seguintes grandes dispositivos de seguridade:
a) Desfile Infantil: o tráfico rodado do centro da vila estará controlado e regulado en todo momento para evitar que vehículos de grandes dimensións e/ou de mercadorías perigosas queden atrapados no transcurso do desfile (co obxectivo de evitar riscos e de garantir o acceso a calquera parte do desfile e da localidade aos diferentes grupos de emerxencia no caso de ser necesaria a súa intervención).

b) Desfiles do Domingo e Martes de Entroido: o dispositivo é similar a anos anteriores. Como o ano pasado, informarase a aquelas carrozas participantes nos desfiles que non queiran chegar ata ó final do percorrido (praza da Alameda) que teñen a única opción de facelo a través da ponte da N-525 que comunica co barrio de San Lázaro, co fin de evitar o colapso de rúas que serven de entrada a vehículos de emerxencia á zonado desfile.

c) Xoves de Comadres: este dispositivo contará coa participación de Policía Local de Verín, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Verín, Protección Civil de A Gudiña, Protección Civil de Lobios e Cruz Vermella de Monterrei. Devanditos equipos estarán coordinados dende o Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias que estará situado na praza García Barbón e que conta cun equipo de videograbación de seguridade. Haberá dous postos sanitarios e dúas ambulancias no caso de ser necesarios a súa participación.
3. Como parte da implantación do Plan de autoprotección do Entroido de Verín 2015 realizouse un programa de información xeral ao público que consta das seguintes actividades preventivas:
a) No tríptico e no libro do Entroido, que se reparte entre os veciños/as e visitantes, incluíronse consellos de seguridade a seguir no caso dunha emerxencia, así como o plano coas vías de evacuación da praza García Barbón.
c) Instalación na praza García Barbón de carteis informativos cas súas vías de evacuación.

4. Plan de Mobilidade: Dentro do plan de autoprotección inclúese, por segundo ano consecutivo, un plan de mobilidade. Este plan aborda aspectos como o medio ambiente, seguridade viaria, usos de vehículos privados, transporte público, uso do espazo público, características socio-económicas e concienciación.

Debido ao incremento de persoas e de vehículos nos días centrais do Entroido inténtase desenvolver unha folla de ruta que logre unha mobilidade sostible para mellorar a calidade de vida no medio urbano. O aumento da seguridade vial, diminución da contaminación e do tráfico son algúns dos obxectivos que ten devandito plan. Para conseguir esta cuestión, o Concello de Verín recomenda aos/ás veciños/as así como aos/ás visitantes que intenten reducir a utilización do vehículo privado e accedan ó centro da vila a pé.

Por outro lado, informouse ás principais empresas de transporte de mercadorías que, dende o día 12 ata o 17 de febreiro (ambos inclusive), os vehículos de máis de 3.5 toneladas teñen a súa disposición unha ruta alternativa que funcionará coma unha circunvalación que conecte a parte norte, este e sur da vila para evitar o seu paso polo centro de Verín (os/as veciños/as e visitantes tamén poderán beneficiarse do mesmo). Esta ruta estará indicada con sinalización vertical ao longo de todo o percorrido, así como nos paneis informativos que a Dirección Xeral de Tráfico ten na A-52 (é necesario resaltar que devandita ruta é unha recomendación e non unha obrigación).

 

 

 

 

 

 

 

Para a elaboración deste Plan de Autoprotección para o Entroido, o Concello de Verín tivo en conta as características das diferentes actividades programadas nesas datas, os lugares nos que se desenvolven, as características da festa e do público asistente.

Deja un comentario