Domingo 21 de Outubro de 2018

O IGAPE achega aos emprendedores de Valdeorras os apoios para novas oportunidadesde negocio en produción agroalimentaria


 

O próximo venres celebrarase unha xornada técnica que inclúe a mostra de casos de emprendemento de éxito neste ámbito

A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, achegará aos emprendedores de Valdeorras información e asesoramento sobre axudas e novas oportunidades de negocio no eido da produción agroalimentaria, cunha xornada técnica específica que se celebrará o próximo venres, día 23, no salón de actos do edificio multiusos do Concello do Barco, a partir das 16 horas.

O desenvolvemento deste encontro, organizado polo Igape ao abeiro do seu proxecto Creando Redes, incluirá a presentación de exemplos de emprendemento de éxito neste ámbito asociados á produción ecolóxica de plantas medicinais e hortalizas, produción de mel e produción de castañas. Así, participarán representantes da cooperativa Milhulloa, do consello regulador da IXP Mel de Galicia e do proxecto Souto Activo.

Igualmente, participarán nesta xornada axentes de desenvolvemento local das comarcas implicadas no grupo de traballo do proxecto Creando Redes: Valdeorras, Verín e Viana, así como representantes dalgúns dos concellos destas comarcas.

O proxectoCreando Redes ten como obxectivo prioritario o de fomentar o espírito emprendedor e apoiar a creación de novas empresas difundindo os coñecementos, habilidades e apoios existentes.

O encontro está destinado tanto a axentes de desenvolvemento local como a emprendedores ou persoas en situación de desemprego interesadas en coñecer oportunidades de negocio no ámbito da produción agroalimentaria.

A través do Igape, e no ámbito da Lei do Emprendemento, a Consellería de Economía e Industria achega servizos adecuados a cada fase do emprendemento, entre os que se inclúen formación para espertar e madurar unha idea de negocio, asesoramento para deseñar un plan de empresa, e préstamos e axudas para facilitar a posta en marcha, a consolidación e a internacionalización de novas empresas.

Deja un comentario