Martes 13 de Abril de 2021

O Concello presenta o proxecto de peonalización máis ambicioso para a cidade arredor da praza de Concepción Arenal


Quérese acadar unha mellor fluidez do tráfico rodado e mellor fluidez nos movementos dos peóns soterrando o tráfico e posibilitando “unha senda peonil da estación de tren ao Posío de 2,5 quilómetros.

 

O Concello de Ourense presentou esta mañá o proxecto de peonalización máis ambicioso para a humanización da cidade. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o arquitecto Juan Carlos Cabanelas, redactor do proxecto, explicaron a súa solución para acadar mellor fluidez do tráfico rodado e mellor fluidez nos movementos dos peóns, e que pasa por soterrar o tráfico na contorna da praza de Concepción Arenal posibilitando “unha senda peonil da estación de tren ao Posío de 2,5 quilómetros”, en palabras do alcalde.

Trátase dun proxecto “que vai transformar Ourense”, segundo Pérez Jácome, quen recoñeceu os atrancos para unha mobilidade fluída desde o centro da cidade cara ao Pavillón dos Remedios ou cara á Ponte Vella: “hai que facer un zig-zag que che quita as ganas”. Con esta proposta, o tráfico dirixiríase a través dunha rotonda soterrada baixo o emprazamento actual da estatua de Concepción Arenal, e que serviría como nó de conexión para as entradas e saídas da cidade.

Esta actuación implicaría realizar diferentes modificacións no mapa de tráfico actual: Sáenz Díez pasaría a ser dunha soa dirección -saída da cidade-, a avenida da Habana sería de subida, Concello sería de circulación restrinxida, e o tráfico de Progreso comezaría logo do antigo edificio xudicial. Porén, a ambición do proxecto vai máis alá do río: contémplase a posibilidade de peonalizar a primeira parte da avenida das Caldas e semi-peonalizar a segunda parte, que se emprazaría xunto ao futuro parque de Canedo.

Ademais dun espazo de case 20.000 m2 de superficie libre de tráfico e de semáforos, a cidade gañaría tamén un aparcadoiro de 200 prazas -distribuídas en dous alturas- fronte ao Pavillón dos Remedios, e que lle daría servizo tanto aos usuarios da infraestrutura deportiva coma aos condutores que entran na cidade e non queiran desprazarse no seu vehículo por ela.

Cara a un desenvolvemento urbano sostible

Para o autor do proxecto, Juan Carlos Cabanelas, é a oportunidade máis importante para humanizar a cidade”, unha proposta que inicia “un camiño cara a un desenvolvemento urbano sostible que concilia distintos ambientes comunitarios”: por unha banda, humaniza e fomenta a circulación peonil, estruturando o eixo que atravesa a cidade -centro histórico, parque de San Lázaro, Ponte Vella, estación de tren…-; pola outra, “revitalizaría a cidade insuflándolle unha nova vida a un tecido urbano esgotado”.

O proxecto en cifras

Gonzalo Pérez Jácome cifrou en 26 millóns de euros o custe deste proxecto, que podería estar rematado en 2025 se todos os prazos avanzan con normalidade. “É unha obra tan importante que non se pode renunciar a ela”, afirma, polo que se empregarían fondos propios do Concello de Ourense, aínda que convida a outras institucións, caso da Xunta de Galicia, a participar desta nova visión da cidade.

Actuaríase sobre 34.304 m2 -19.700 na superficie, 7.554 baixo a mesma, e 7.000 correspondentes ao aparcadoiro.

Os custes económicos, polo miúdo, serían os seguintes: 12,2 millóns de euros para os traballos de soterramento, 3,4 millóns para o aparcadoiro, 2,3 para a urbanización exterior, e algo máis de 18 millóns para a execución material. A suma total sería de 25.960.324,27 euros.

Deja una respuesta