Venres 15 de Xaneiro de 2021

A Xunta apoia este ano ao sector agrícola primario da provincia de Ourense con 520.000 euros para impulsar o uso da enerxías renovables e a eficiencia enerxética


O Goberno galego colabora en 28 iniciativas promovidas por empresas e autónomos deste ámbito
A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Inega, concedeu este ano axudas por importe de 520.430 euros ao sector agrícola primario da provincia de Ourense para que impulse un total de 28 proxectos tanto de enerxías renovables como de aforro e eficiencia enerxética.
Pensadas para empresas e autónomos do ámbito agrícola primario –ben directamente ou a través de compañías de servizos enerxéticos–, a Xunta de Galicia acaba de aprobar tamén a convocatoria desta liña de axudas autonómicas para o próximo ano. Deste xeito, foméntase a instalación de biomasa, biogás, aerotermia, xeotermia, solar térmica, fotovoltaica e eólica, así como actuacións de mellora da eficiencia que reduzan o consumo inicial en polo menos un 40% en proxectos de iluminación ou nun 10% no resto de iniciativas. As actuacións que poderán en 2021 acollerse ás axudas inclúen equipamento principal de xeración, custo da montaxe e posta en marcha.
Esta convocatoria de axudas, que se publicará proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG), dispón para o próximo ano dun orzamento de 2,5 millóns de euros, o que facilitará a mobilización dun investimento final público-privado de 8,5M€ en aproximadamente 200 proxectos.
A contía das axudas será do 30% do custo elixible no caso de grandes empresas, 40% para medianas e 50% para pequenas ata un máximo de 100.000 euros por proxecto e 300.000 por empresa, salvo nas instalacións de autoconsumo colectivo nas que se poderán alcanzar os 500.000 euros por proxecto e empresa.
Nesta ocasión as axudas serán de concorrencia competitiva co obxectivo de priorizar a implantación de instalacións renovables en explotacións agrarias que carezan delas e as situadas en zonas economicamente menos favorecidas, para o que se terán en conta os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) da renda dispoñible bruta por habitante dos concellos galegos.

Con esta convocatoria preténdense fomentar os investimentos neste tipo de proxectos, reducir os custos enerxéticos promovendo a competitividade empresarial, diminuír o consumo de enerxías convencionais, propiciar a mellora socioeconómica das áreas rurais e a súa protección ambiental e reducir o período de pagamento aos provedores. A nivel autonómico, prevense crear arredor de 70 postos de traballo, reducir as emisións en 3600 toneladas de CO2 ao ano cun impacto equivalente á plantación de 180.500 árbores, e un aforro enerxético de 920.000 litros de gasóleo.
A Xunta convocou por primeira vez en 2017 unha liña específica de proxectos renovables para este sector e, desde entón, xa se levan apoiadas máis de 500 iniciativas con axudas que superan en Galicia os 7,7 millóns de euros.

Deja una respuesta