Martes 13 de Abril de 2021

O Concello dotará o Servizo de Extinción de Incendios de novo material por importe de 560.000 euros


Os bombeiros de Ourense disporán dun novo camión motobomba, dun novo furgón con remolque e de novos equipos de busca e rescate.

 

O Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Ourense mellora as súas dotacións coa adquisición de equipos de rescate e de dous vehículos de última xeración. A xunta de goberno aprobou a adxudicación deste material, que suma 559.219,25 euros, na sesión celebrada esta mañá

Así, o Concello de Ourense contará cun vehículo bomba forestal para atender as necesidades de seguridade en incendios forestais. Este vehículo conta con importantes adaptacións para actuar en zonas de difícil acceso: é todo-terreo, de transmisión 4×4, cunha estrutura e chasis reforzado, e cunhas características técnicas de suspensión, dirección, rodas, etc. que garante unha marcha segura en calquera tipo de terreo. Entre outras características, o vehículo ten unha potencia de 250 CV e un caudal de auga de 4.600 litros por minuto. Adxudícase por importe de 293.969,50 euros.

A segunda das adquisicións é un vehículo furgón con remolque, por importe de 154.624,85 euros. Estará destinado a tarefas de apoio en diversos tipos de intervención de emerxencia. Vai equipado con remolque, con material NRBQ para intervención en accidentes con mercadoría perigosa con risco nuclear, radiolóxico, bacteriolóxico e químico. Este vehículo suplirá o actual furgón, que conta cunha antigüidade de 24 anos, e que conta con importantes carencias, necesarias para a súa operatividade.

Por último, adxudicouse a subministración dun equipo de rescate hidráulico con accesorios para a extracción e dun equipo de busca, ambos por un total de 110.624,90 euros. Unha importante ferramenta para intervir en accidentes de tráfico ou apertura de portas. Ademais disporá dun equipo de cámaras para busca de persoas atrapadas en sinistros de derrubes de estruturas. Con esta adxudicación o corpo de bombeiros disporá dun equipo formado por cámaras de visión, cámara térmica, sensores de movemento, unidade de control e pértega.

Obras de conservación e mantemento das vías. Xunto cos tres expedientes anteriores, en materia de Contratación, a xunta de goberno desbloqueou un total de 2,2 millóns de euros en diferentes adxudicacións. Entre eles, o lote 1 do servizo de obras de conservación e mantemento da infraestrutura viaria do Concello de Ourense para os anos 2020, 2021 e 2022 por un importe total de 1.052.280 euros a Petrolam Infraestructuras SL.

Contratación (11). Adxudicáronse os servizos en materia de seguridade e saúde vinculados á conservación e mantemento das infraestruturas viarias de titularidade municipal para os vindeiros dous anos por 31.069,42 euros.

No eido informático, adxudicouse a compra de novos módulos para as plataformas informáticas Cividas e-GOV, por importe de 133.100 euros; a renovación e mantemento das aplicacións corporativas das áreas de Economía e de Estatística por 98.177,60 euros anuais para os tres vindeiros exercicios; e tamén as da área de Persoal e Recursos Humanos, por 14.000,18 euros anuais para os vindeiros tres anos; unha plataforma de hardware e o seu mantemento para darlle soporte aos sistemas informáticos que inclúan a migración e actualización dos sistemas existentes por 374.083,60 euros -máis o mantemento, por importe de 5.590,20 euros anuais para tres exercicios-.

Ademais, deuse conta de dúas rectificacións de erros, o primeiro na adxudicación do contrato para o servizo de auditoría externa para un programa europeo [Emprende Makers 01] e o segundo no acordo sobre reclamacións de indemnizacións para a Asociación Aixiña. En ambos casos, trátase de erros de redacción que non afectan ao fondo dos contidos.

Avogacía consistorial (1). O Concello deu conta dunha providencia ditada polo Tribunal Supremo que inadmite un recurso de casación interposto contra un Auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia promovido por unha entidade mercantil contra o Concello. Reclamaba o aboamento do contrato executado por outra empresa e que debera terlle sido adxudicado a ela por tres anos. O Concello defendeu que soamente procedía aboar un ano, e os tribunais fallan a favor dos intereses municipais.

Xestión urbanística (1). Estímase o recurso dun particular fronte a un acordo para o pagamento por ocupación directa nunha parcela por ter acreditado ser o herdeiro dos propietarios orixinais. Desta forma, recibirá 54.185,25 euros en concepto de indemnización por expropiación urbanística. No mesmo acordo recoñécese unha cantidade similar a un segundo propietario e 5.103,91 euros a favor dun terceiro.

Xestión económica e orzamentaria (1). Apróbase unha relación de facturas por importe de 10.446,40 € correspondentes a gastos realizados no exercicio 2019 e que non puideron seguir a tramitación ordinaria para a súa aprobación nese exercicio.

Deja una respuesta