Sábado 18 de Setembro de 2021

A Xunta apoia a dinamización da vida local con axudas ás Entidades Veciñais para manter a súa actividade e mellorar os seus servizos


A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, as actuacións levadas a cabo na Asociación de Veciños Vilar de Astres para reformar o local social e dotalo de equipamento

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá as actuacións levadas a cabo no local social da Asociación de Veciños de Vilar de Astres, do concello de Ourense, no marco das axudas do Plan de acción comunitaria.
A Asociación de Veciños de Vilar de Astres é unha das 34 entidades veciñais da provincia de Ourense ás que a Xunta destinou na convocatoria de axudas deste ano uns 511.300 euros co obxectivo de financiar reformas e ampliacións dos seus locais sociais, así como a compra de novos equipamentos. No conxunto da comunidade galega, o investimento acadou os 2,5 millóns de euros para apoiar iniciativas de 190 entidades beneficiarias.
Ademais das melloras nos locais e na dotación de equipamento das asociacións de veciños e de mulleres rurais, as subvencións tamén financian reformas e reparacións das infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias solicitadas polas comunidades de usuarios de augas.
Estas axudas da Xunta permitiron levar a cabo case un milleiro de proxectos de asociacións de veciños, de mulleres rurais e de comunidades de usuarios de augas nos últimos anos, nos que se investiu preto de 10,5 millóns de euros.
Natalia Prieto explicou que este apoio do Goberno galego ten como finalidade contribuír á mellora da calidade de vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal. A
Administración autonómica manterá o investimento de 2,5 millóns de euros na próxima orde de axudas dirixida a estes colectivos, que se aprobou no Consello da Xunta a semana pasada.

Deja una respuesta