Venres 15 de Xaneiro de 2021

O Consello Municipal de Deportes revisa as condicións das concesións de Oira e dos Remedios pola Covid


O Consello Municipal de Deportes acordou, no seu Consello Reitor, a revisión das concesións das cafeterías de Oira e do Pavillón dos Remedios pola situación de pandemia.

No primeiro caso, aprobouse a condonación do canon da concesión da cafetería restaurante Oira Praia durante o período que vai dende o 13 de marzo até o 1 de xuño de 2020 “ante a imposibilidade de execución do contrato como consecuencia da pandemia”, unha cantidade que ascende a 3.709,60 € (sen IVE). Denégaselle, porén, a solicitude de reducir á metade o canon de concesión polos meses posteriores ao remate do estado de alarma.

Do mesmo xeito, condonouse o canon da concesión da cafetería do Pavillón dos Remedios por mor do peche das instalacións -o canon trimestral ascende a 600 €- como medida para restablecer o equilibrio económico do contrato, desde o 13 de marzo de 2020 ata o inicio da actividade ordinaria, das instalacións deportivas do Pavillón dos Remedios.

Ademais, durante a sesión preguntouse polos rumores sobre as máquinas de climatización da piscina de 25 metros. O funcionamento destes aparellos é totalmente normal e non se detectou, por parte do CMD, ningunha anomalía ao respecto.

100 inscritos na San Silvestre. A inscrición para a V Carreira Popular da San Silvestre ourensá segue aberto até o domingo 27 ás 23:59 horas. Actualmente, xa se rexistraron 100 persoas a través da plataforma carreirasgalegas.com.

Por mor das medidas sanitarias e dos protocolos deportivos, a participación na carreira está limitada a 300 persoas.

Deja una respuesta