Mércores 10 de Agosto de 2022

Resumo dos acordos da Xunta de Goberno Local 23/12


A xunta de goberno local celebrada esta mañá no salón de plenos do Concello de Ourense deu conta de 15 asuntos na orde do día:

Avogacía consistorial (3). Deuse conta dunha sentenza que estima parcialmente un recurso dun particular e obriga ao Concello a corrixir corrixir a valoración outorgada en concepto de formación dos aspirantes a operarios de cemiterios. A Avogacía municipal recorrerá en apelación.

Ademais, o Concello deberá comparecer, como demandado, nun procedemento interposto contra un decreto de Urbanismo referido á demolición dun peche e cubrición parcial do patio de luces. Por último, deuse conta dun expediente administrativo para reclamar xudicialmente os danos ocasionados por un vehículo no Cruceiro da explanada do Claustro de San Francisco.

Licenzas (4). Concedeuse licenza para a legalización da ampliación do baixo dun edificio. Por outra banda, desestimáronse tres solicitudes de expedición de acto positivo para os proxectos de execución de vivendas unifamiliares noutras tres parcelas.

Xestión urbanística (2). Por unha banda, desestímase unha solicitude de expedición de certificado de acto positivo en relación cun proxecto de obras de urbanización na rúa Ponte Loña. Pola outra, desestímase integramente unha solicitude para que o Concello adquira os terreos que faltarían para completar a zona verde na zona 11 do SU 5 do PXOU de 1986.

Patrimonio (1). Desestímase unha reclamación de responsabilidade patrimonial polas lesións sufridas como consecuencia dunha caída, xa que non é o Concello a administración competente para resolvela.

Contratación (3). Adxudicáronse tres servizos para o funcionamento ordinario do Concello de Ourense: o seguro de responsabilidade civil dos vehículos a motor para os vindeiros dous anos, cunha prima de 38.674,91 euros anual; o contrato de subministración de electricidade en baixa tensión, por un prezo anual de 1.064.553,11 euros (prorrogable a outro máis); e a subministración en lotes do equipo de rede (switches e firewall) do Concello de Ourense, por un prezo de 116.186,80 euros.

Infraestruturas (1). Apróbase un gasto de 194.979,48 euros en concepto de indemnización correspondente a diferentes facturas emitidas en concepto de certificacións e liquidación da obra de construción da beirarrúa e arranxo dunha vía na rúa da Rábeda, nas Curuxeiras.

Cultura (1).Apróbase un gasto de 11.070,30 euros en concepto de cinco facturas atrasadas da xestión de visitantes e atención ao público na Sala Valente e no Claustro de San Francisco.

Deja una respuesta