Martes 13 de Abril de 2021

A Xunta de Goberno aproba temas de Reto demográfico, seguridade TIC e cooperación


A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe na reunión telemática presidida polo presidente Manuel Baltar, as recomendacións da Deputación de Ourense respecto ao uso dos fondos europeos POST 2020 fronte ao reto demográfico e, por outra banda, a política de seguridade da institución provincial no ámbito das TIC. Tamén se aprobou unha subvención por importe de 29.000 euros para o Concello de Esgos, destinada á execución de obras de arranxo nos pobos de Vilar de Ordelles e Fondodevila.

En canto ao reto demográfico, o documento aprobado hoxe ten como obxectivo avanzar na execución do plan de mandato do goberno provincial no que atinxe á loita contra o despoboamento e o reto demográfico, polo cal considérase prioritario aprobar unhas recomendacións respecto ao uso dos fondos europeos POST 2020 para combater o reto demográfico, e a súa remisión á Manifestación de interese lanzada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para a súa toma en consideración, nunha situación nas que as consecuencias económicas e sociais que expón o desafío demográfico víronse agravadas pola crise do COVID-19. Neste sentido, acordouse remitir o acordo á Manifestación de interese lanzada polo ministerio, orientada a identificar e localizar proxectos solventes con impacto para o reto demográfico e a loita contra o despoboamento.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a política de seguridade da Deputación de Ourense (Esquema Nacional de Seguridade) no ámbito das TIC. Por parte do Comité de Seguridade da Deputación de Ourense, a instancia da área de Transparencia e Goberno Interior da Deputación, procedeuse a validar a política de seguridade desta Deputación. Esta medida ten como obxectivo seguir mellorando os servizos e operativas dos sistemas TIC (Tecnoloxías de Información e Comunicacións) da Deputación, para protexelos fronte a danos accidentais ou deliberados que poidan afectar á dispoñibilidade, integridade ou confidencialidade da información tratada ou os servizos prestados.

Deja una respuesta