Luns 08 de Marzo de 2021

O Concello de Ourense aproba unha instrución para facilitar a instalación de terrazas dunha forma rápida e legal


Será unha norma provisional e paso previo para elaborar unha nova ordenanza, que agarda ser aprobada polo Pleno nos vindeiros meses

A xunta de goberno local do Concello de Ourense aprobou na súa sesión desta mañá a instrución que regulará a concesión de permisos para a instalación de novos veladores nas rúas do municipio. “Aprobamos unha instrución de veladores que nos permite, por primeira vez en décadas, ter unha ferramenta para poder autorizar novas terrazas para a hostalería dunha forma rápida e legal”, asegura o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. Será, explica, unha norma “provisional, para darlle unha solución xa aos hostaleiros”, e un “paso previo” para a elaboración dunha nova ordenanza definitiva reguladora da instalación de veladores, que deberá ser aprobada polo Pleno do Concello.

Esta instrución busca establecer unhas pautas claras para a concesión de novas autorizacións de ocupación da vía pública por parte de locais de hostalería, perseguindo o difícil equilibrio entre intereses, moitas veces antagónicos, entre hostaleiros e veciños residentes. Non afectará, por tanto, ás autorizacións xa concedidas, como si fará, proximamente, a nova ordenanza municipal. O alcalde avanza que para esta ordenanza “contaremos con todas as partes involucradas, como venciñanza, hostaleiros e oposición”. Trátase, explica, de buscar o mellor consenso, pois este asunto “engloba un conflito de intereses: por unha banda a explotación comercial e, por outro, o espazo que utilizan os viandantes: é un conflito de intereses no que temos que atopar o punto de encontro”.

Mentres tanto, explica o rexedor, “temos unha ferramenta que é moito mellor do que había porque non había nada”. Esta instrución servirá para mellorar a situación actual, na que non existe unha normativa específica clara, senón diversas normas que tratan a ocupación da vía pública dun xeito máis xenérico, o cal impide unha resolución áxil das solicitudes de autorizacións aos locais.

A xunta de goberno local resolveu as alegacións presentadas durante o trámite de información pública, no sentido no que os informes técnicos dictaminaron, achegando ao documento final algunhas das propostas realizadas. Respecto á instalación de veladores en zonas de estacionamento, libre ou regulado, será precisa unha avaliación pormenorizada de cada caso para adoptar unha decisión e serán, en todo caso, con carácter excepcional.

A norma xeral será que nas rúas abertas ao tránsito permanente de vehículos as terrazas só poderán emprazarse nas beirarrúas. En ningún caso se permitirá este tipo de terrazas en rúas que formen parte do viario principal e arterial da cidade. Non se poderá ocupar zonas de carga e descarga ou espazos reservados ao estacionamento reservado a persoas con mobilidade reducida.

Hai que sinalar que estas son medidas excepcionais, propias do contexto actual, de restricións da actividade hostaleira como consecuencia das medidas adoptadas polas autoridades sanitarias consecuencia da pandemia COVID 19. Así, por exemplo, e debido ao toque de queda vixente e que, probablemente perdure uns meses máis, os horarios establecidos nesta instrución non son efectivos.

Esta norma establece unhas distancias mínimas ás que deben situarse as terrazas, para garantir a mobilidade das persoas, así, respecto a fachada debe quedar 1,80 metros e 0,40 metros respecto ao bordo da beirarrúa. Só excepcionalmente se poderá admitir estreitamentos puntuais, pero garantindo sempre 1.50 metros entre fachada e velador.

Coa instrución que acaba de aprobarse, o goberno municipal busca harmonizar a estética dos veladores nas rúas, coa esixencia de cores neutras, así como incidir na seguridade dos viandantes, garantindo a mobilidade e a súa seguridade. Tan só poderán colocarse nas terrazas aqueles elementos que foron autorizados; así, non poderán colocarse, baixo esta autorización, elementos decorativos, carteis ou valos publicitarios. Perséguese que, amais da estética, os elementos utilizados sexan resistentes, hixiénicos, doados de amontoar, prohibíndose, materiais como plástico e PVC.

As autorizacións outorgaranse exclusivamente para as vías ou espazos públicos lindeiros coa fachada do local solicitante, só excepcionalmente se autorizará en marxes opostas ou en espazos diferentes aos viarios (prazas, parques ou xardíns), e deberán limitarse a ocupar o ancho correspondente coa fachada de dito local. Para poder ocupar o ancho correspondente precisarán da autorización dos propietarios ou comunidades de propietarios veciñas, así como dos titulares dos establecementos comerciais cuxa fachada se poida ver afectada.

RESUMO DE ACORDOS DA XUNTA DE GOBERNO LOCAL

A xunta de goberno local aprobou esta mañá un total de 26 asuntos presentados polas diferentes áreas e servizos municipais

Licenzas (5). Concedéronse licenzas para o proxecto básico e de execución da construción dun edificio de vivendas na rúa do Paseo, dúas licenzas para segregar fincas e emendouse un acordo da xunta de goberno do día 12 de novembro (para corrixir a superficie dun local). Tamén déuselle luz verde á demolición dun edificio emprazado entre as rúas Avenida de Bos Aires e Catro Camiños.

Aperturas (1). Concédeselle licenza de obra á Fundación San Rosendo para o proxecto de reforma dunha vivenda e posterior uso como vivenda comunitaria na praza de Bispo Cesáreo.

Disciplina Urbanística (1). No expediente de reposición da legalidade urbanística sobre o edificio da Avenida de Pontevedra 13, adóptanse dous acordos: Por unha banda, ratifícase o acordo da xunta de goberno local de 27 de agosto de 2020 de dar cumprimento ás sentenzas xudiciais sobre este edificio e, por outra, apróbanse as liquidacións resultantes da cota de propiedade que lle corresponde a cada un dos propietarios.

Xestión urbanística (1). Desestimar unha solicitude de devolución da fianza depositada para un proxecto de urbanización.

Patrimonio (6). A xunta local abordou a situación do edificio do Colexio María Goretti, na rúa da Liberdade 26, que fora adquirido polo Concello nunha compravenda que posteriormente foi recurrida por un copropietario que non fora incluído na operación e anulada por sentenza xudicial. Neste caso, tras analizar as posibilidades existentes, a xunta local acorda non impugnar o contrato de compravenda ante a xurisdición civil “ante as dúbidas xurídicas, dificultades e custas procesuais” expostas nos informes xurídicos. O goberno municipal pretende adquirir o inmoble na súa totalidade.

Por outro lado, déronse por desistidas dúas reclamacións de responsabilidade patrimonial: polos danos nun vehículo provocados pola póla dunha árbore no parque Barbaña e por danos causados nun vehículo, e desestimáronse outras 3 por lesións sufridas como consecuencia dunha caída no Museo de Allariz; polo roubo das pertenzas persoais nas dependencias municipais de Bispo Carrascosa e por danos ocasionados pola choiva nun posto da feira medieval.

Contratación (3). Recoñeceuse unha indemnización por importe de 10.730,30 euros en favor da Asociación Ourensana de Discapacitados Físicos, Parálisis Cerebral y Tercera Edad Dependiente Aixiña pola suspensión do contrato do servizo de Centro de Día para persoas maiores dependentes do Concello de Ourense. O motivo, a imposibilidade de execución do contrato do servizo como consecuencia da situación orixinada polo COVID-19.

Ademais, acordouse a reanudación da actividade do contrato de servizos de xestión de visitantes, apertura, atención ao publico, vixilancia, custodia e servizos complementarios da planta baixa da antiga sede do Banco de España e do claustro de San Francisco. Neste sentido, aprobouse o aboamento das cantidades reclamadas pola adxudicataria do contrato polos meses que estivo suspendido o contrato como consecuencia da declaración do estado de alarma. En total, 4,981,52 euros.

Servizos Xerais (1). Rectifícase un acordo de xunta de goberno previo no sentido de aprobar e dispoñer o gasto en favor da entidade mercantil propietaria do local onde se aloxan as agrupacións sindicais do Concello de Ourense (rúa Arcediagos 3) por importe de 2.787,70 euros.

Avogacía consistorial (7). Catro sentenzas e tres comparecencias.

A sección primeira da Audiencia Provincial ditou sentenza na que determina a titulariedade dun terreos en favor de varios particulares, sen prexuízo da servidume de paso a favor doutros veciños e da servidume de acueduto a favor da Confederación Hidrográfica do Mino Sil e da servidume legal de augas.

Coñecéronse tamén tres sentenzas do xulgado Contencioso – Administrativo. A primeira estima o recurso interposto por unha particular contra a resolución do Tribunal Económico Administrativo ordenando a devolución de 3.117,74 euros.

A segunda estima parcialmente un recurso interposto por un traballador municipal nun litixio por diferenzas salariais ao desenvolver funcións de superior categoría á que ten asignada.

Finalmente, estímase un recurso interposto por un particular á que se lle anula unha sanción de tráfico de 80 euros por non ser conforme a Dereito.

En canto ás comparecencias, o Concello deberá presentarse como acusado nun proceso iniciado por unha particular que reclama contra a desestimación dunha responsabilidade patrimonial polas lesións sufridas como consecuencia dunha caída na praza de San Antonio.

Ademais, e en calidade de prexudicado, asistirá ao xulgado para senllos procedementos pola comisión de delitos contra a seguridade do tráfico e danos en bens de titularidade municipal: o primeiro polos danos producidos nun semáforo, sinal de tráfico e colector do lixo, e o segundo polos polos danos producidos nun sinal de tráfico.

Deja una respuesta