Luns 08 de Marzo de 2021

Manuel Baltar desta “o talante cooperador do presidente Feijoo, fronte ao cero absoluto en colaboración do goberno Sánchez”


O presidente da Deputación de Ourense reuniuse hoxe en San Caetano co presidente da Xunta de Galicia: “Seguimos a fortalecer a alianza entre ámbalas dúas administracións”, dixo Baltar

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe trala súa reunión co presidente da Xunta de Galicia, en San Caetano, “o talante cooperador do presidente Núñez Feijoo, fronte ao cero absoluto en colaboración que ten amosado o goberno de Pedro Sánchez con deputacións e concellos”.

Baltar dixo que o resumo da reunión de hoxe “é que seguimos a fortalecer a alianza entre ámbalas dúas administracións, a ourensá e a galega, e iso suporá máis proxectos e iniciativas para a provincia de Ourense”, remarcou, engadindo que foi unha reunión “altamente positiva, na que lle dei conta ao presidente da Xunta da indignación do mundo municipal e dos gobernos provinciais de España co Goberno da nación, tendo en conta que nin un só euro do Estado foi destinado a concellos e gobernos provinciais durante 2020, nunha situación de tanta necesidade como a que estamos a vivir na pandemia”.

Para Manuel Baltar esta é “unha situación de desprezo que o Goberno central vén de repetir hai días cando non aceptou ningunha das 37 emendas que lle foron formuladas aos orzamentos para 2020, o que contrasta coa cooperación por parte do goberno autonómico”, e citou como exemplo a colaboración na pandemia, “na que a Deputación de Ourense estivo desde o minuto un cooperando e poñéndose a disposición da Xunta de Galicia, e tamén noutros proxectos de colaboración en ámbitos das emerxencias, o emprego ou iniciativas referidas ao medio ambiente”.

Na xuntanza analizaron proxectos estratéxicos como o Centro de Innovación na Formación Profesional “Eduardo Barreiros”, o parque acuático de Monterrei, futuras infraestruturas como parque náutico de Castrelo de Miño, o ecosistema de innovación do medio rural, un proxecto da Deputación que pode atopar financiamento comunitario nos fondos “New Generation”, para os que tamén solicitei que atopasen ubicación dentro do noso territorio ourensán para outros proxectos dinamizadores de Galicia”.

Baltar lamenta que fronte a esta cooperación “teñamos que padecer un novo retraso na chegada do AVE, nun ano tan sinalado como 2021, cunha Ribeira Sacra a punto de ser declarada patrimonio mundial e con ese turismo de interior que vai ter un protagonismo importante nestes tempos de pandemia e de poscovid”.

O medio rural ocupou boa parte do encontro de hoxe entre Baltar e Feijoo, destacando o centro de loita contra os incendios forestais, en Toén, incluído nos orzamentos da Xunta para 2021, ou a recente sinatura de convenios con concellos da provincia para a adquisición de maquinaria agrícola para o desbroce e a prevención de incendios forestais, sendo a de Ourense a única das catro deputacións galegas que respondeu a esa chamada á cooperación da Xunta.

“Nas seguintes datas veremos a materialización de todos estes compromisos, que significan unha aposta por Ourense, poñendo a disposición este goberno provincial para conseguir os retos ambiciosos que se propón unha provincia como a nosa”, sinalou Baltar.

Sinerxias

Pola súa banda, o presidente do goberno galego avogou por reforzar a colaboración institucional “para seguir mellorando a calidade dos servizos públicos e coordinando a actividade en beneficio dos concellos”, dixo, destacando o acordo coa Deputación de Ourense en materia de abastecemento e saneamento para formar parte do proxecto de administración hidráulica, que será remitido ao Parlamento no primeiro semestre de 2021, co obxectivo de axudar aos concellos que teñen competencia exclusiva neste eido. “A Deputación de Ourense vén de confirmar que formará parte do capital desta empresa pública”, trasladou, recordando que, neste eido, a Xunta, a Deputación e nove concellos da provincia integran o Consorcio de Valdeorras, formado en 2014.

Outro dos temas abordados foi a proposta de mellora de atención ás emerxencias na provincia, coa creación de dous GES: en Maceda e na Veiga. Así mesmo, salientou o investimento de 12 millóns de euros no novo Centro integral de loita contra o lume en Toén, no lugar onde se atopa o antigo hospital psiquiátrico.

Feijóo e Baltar avaliaron a evolución das infraestruturas deportivas na provincia, coa construción do parque acuático de Monterrei, un proxecto de 8 millóns de euros que comezará pola execución das piscinas; e coa ampliación do club náutico de Castrelo de Miño e construción neste lugar dun campo de regatas, cunha achega total de máis de 1 millón de euros. Para ambas actuacións firmarase un convenio entre a Xunta e a Deputación, cun financiamento das partes ao 50 %.

Sanidade

No eido sanitario, Núñez Feijoo reiterou o compromiso da Xunta coa Sanidade Pública, con melloras nos hospitais de Ourense, de Verín e do Barco, e coa construción ou renovación de sete centros de saúde na provincia. Así, no tocante á ampliación do Hospital Universitario, constatou que o proxecto básico xa está aprobado e conta con 9 millóns de euros nos orzamentos de 2021, dos case 52 que se estiman como investimento. “E continuamos optimizando o Hospital de Valdeorras -2,4 millóns en 2021-: co inicio, proximamente, da reforma e equipamento de consultas externas, así como da licitación da cirurxía maior ambulatoria, do hospital de día e da farmacia; e coa adxudicación da dixitalización da sala de raios X”, dixo, destacando, ademais, a licitación do proxecto construtivo de ampliación das urxencias-PAC do Hospital de Verín, con 3,5 millóns de euros de investimento.

Feijóo confirmou tamén a intención de construír un novo Centro Integral de Saúde na cidade de Ourense, ao igual que o proxectado en Lugo, con 2,5 millóns comprometidos nos orzamentos de 2021. Ademais de lembrar que o centro de saúde do Pereiro de Aguiar vén de ser rematado, avanzou a previsión de que o novo centro de saúde de Paderne de Allariz estea finalizado no primeiro trimestre do ano que vén; “e comprometemos un novo centro de saúde na Rúa, así como as reformas dos centros da Arnoia, Ribadavia e Castro Caldelas”, engadiu.

En materia educativa, o titular da Xunta salientou que as obras do Centro Galego de Innovación da FP de Ourense estarán rematadas o próximo verán. E, no eido cultural, destacou as obras que se están a desenvolver nos mosteiros de San Pedro de Rocas, Ribas de Sil, Xunqueira de Espadanedo e Oseira, no marco da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. “E destinamos máis de 3,5 millóns para actuacións paisaxísticas”, engadiu, en referencia ao Plan Estratéxico para a Ribeira Sacra.

Por último, entre outras iniciativas, fixo fincapé en que Xunta seguirá apoiando as iniciativas no ámbito termal e, no marco do Xacobeo 2021, aprobarase a fundación da Asociación Camiño Xeración Nós para conseguir a declaración como Camiño Cultural da ruta realizada en 1926 polos membros da agrupación

Deja una respuesta