Luns 08 de Marzo de 2021

O proxecto Geoatlantic presenta nunha conferencia ‘online’ os seus principais resultados logo de tres anos de traballo


Geoatlantic é o primeiro programa do Espazo Atlántico que apostou pola xeotermia como enerxía final de uso público e privado e o seu achegamento á sociedade

 

O proxecto GeoAtlantic presenta os seus principais resultados logo de 38 meses de traballo conxunto entre un equipo de 12 socios que representan a un total de cinco países do arco atlántico. Será a través dunha xornada informativa, que se enmarca dentro dos eventos da semana verde Europea, e que contará coa presenza de expertos internacionais do ámbito da enerxía. Entre eles Sanjeev Kumar, responsable do Consello Europeo da Enerxía Xeotérmica, unha organización internacional sen fins de lucro fundada en 1998 para promover a industria, deseñar políticas, mellorar as condicións comerciais e impulsar máis investigación e desenvolvemento.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, abrirá a xornada ás 10.00 horas, e nela participarán representantes de proxectos coma o galego EnergyLab e representantes de institucións académicas e profesionais do Reino Unido, Bélxica, Francia, Irlanda, Portugal e España.

Organizada desde o Concello de Ourense, será en formato ‘online’ e poderá seguirse a través da canle de vídeos municipal: https://youtu.be/6Eg9JIZ8IH8

A xeotermia no Espazo Atlántico

Cofinanciado polo programa de desenvolvemento territorial Interreg Espazo Atlántico, o proxecto Geoatlantic foi elixido como o primeiro proxecto do programa Espazo Atlántico que apostou pola xeotermia como enerxía final de uso público e privado e o seu achegamento á sociedade.

O obxectivo xeral do programa é o desenvolvemento de eventos públicos para achegarlle a xeotermia ao cidadán fomentando a creación de redes de voluntarios que sirvan de altofalante deste tipo de enerxía. Solucións para responder aos desafíos no ámbito da innovación, a eficiencia dos recursos, o medio ambiente, os bens culturais, apoiando o desenvolvemento rexional e o crecemento sostible.

Como resultado deste labor, máis de 2.000 persoas participaron en accións de difusión da enerxía xeotérmica realizando actividades tanto en colexios como en eventos públicos.

Ademais de traballar na difusión xeral traballouse na formación de persoal profesional que se poida converter en aliado e prescritor de proxectos que alberguen xeotermia, caso de enxeñeiros, arquitectos ou persoas das administracións públicas cuxa formación en clave xeotérmica é clave para o desenvolvemento do sector.

Outra das claves principais é achegarlles o mundo da xeotermia ás empresas, para o que se desenvolveron cinco relatorio a nivel internacional por parte dos socios científicos do proxecto dando a coñecer as novidades no eido do sector xeotérmico á comunidade científica, que se complementaron coa publicación de tres artigos científicos en revistas de recoñecido prestixio internacional.

O resultado final, máis de 3.000 persoas foron beneficiarias dalgunha actuación do proxecto; máis de 500.000 persoas recibiron información da xeotermia mediante o proxecto, e máis de cinco proxectos de nova implantación xeotérmica recibiron financiamento ou información técnica.

Deja una respuesta