Venres 15 de Xaneiro de 2021

Lorenzana aborda co alcalde de Monterrei medidas para fomentar a


A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro en Santiago de Compostela co alcalde de Monterrei (Ourense), José Luís Suárez, para abordar liñas de colaboración entre ambas as dúas entidades

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe en Santiago de Compostela unha xuntanza co alcalde da localidade ourensá de Monterrei, José Luís Suárez, na que abordaron, entre outros, os programas cos que a Xunta promove a inserción laboral de persoas desempregadas nesta comarca ou iniciativas de fomento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no eido do traballo, a conciliación e a prevención da violencia de xénero.
A Xunta apoia desde hai un lustro a inserción laboral en Monterrei por medio do programa Aprol Rural, que permite garantir durante nove meses a contratación a tempo completo de persoas desempregadas para a realización de tarefas relacionadas coa contorna, maioritariamente co mantemento dos montes e a xestión da biomasa.
Estas axudas van destinadas aos concellos rurais galegos para que poidan contratar a persoas desempregadas, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.
As Aprol non son as únicas axudas que a Xunta dedica á dinamización laboral deste municipio ourensá, onde desde 2009 se celebran obradoiros duais de emprego e se fomentan múltiples iniciativas de formación para o emprego e para a contratación de traballadores e traballadoras, cunha contía total que supera os 3,2 millóns de euros.
No encontro de hoxe, a conselleira incidiu ademais nunha das prioridades do seu departamento en materia de igualdade: a necesidade de abordar a prevención da violencia de xénero no medio rural e de favorecer nestes concellos medidas que garantan a conciliación laboral das mulleres e a súa contribución, en condicións de igualdade, á actividade económica. Nos dous últimos anos, Monterrei recibiu máis de 30.000 euros en axudas para a promoción da igualdade e a sensibilización e uns 14.000 da liña de medidas de conciliación para entidades locais.
A Mancomunidade de Verín conta ademais cun Centro de Información á Muller (CIM) que da servizo a Monterrei, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Oímbra, Verín e Vilardevós. No mesmo proporciónase asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral ás mulleres que poden estar sendo vítimas da violencia de xénero, así como calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes.
O CIM atende a todas as mulleres que o demandan, así como calquera persoa, sexa home ou muller, en asuntos relacionados coa promoción social da igualdade de xénero.

Deja una respuesta