Mércores 10 de Agosto de 2022

A Comisión de Pleno dálle o visto bo aos convenios coa Confederación para a senda fluvial de Outariz e a mellora do saneamento en Velle


Serán incluídos na orde do día do pleno do vindeiro venres

A Comisión de Pleno do Concello de Ourense ditaminou favorablemente na súa xuntanza desta mañá catro expedientes que serán incluídos na orde do día do próximo pleno do Concello para a súa aprobación.

Dous deles son senllos convenios de colaboración entre o Concello de Ourense e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Un ten como finalidade o financiamento, execución e entrega, para o seu mantemento e conservación, das obras do proxecto de acondicionamento da senda fluvial entre Outariz e o Regato do Val. O outro é para o financiamento, execución e entrega das obras do proxecto de mellora do saneamento en Velle.

No primeiro caso, a actuación consistirá en mellorar as sendas e completar o percorrido que falta entre Outariz e o Regato do Val, á altura de Untes. Esta obra está incluída no Plan de Obras da Deputación de Ourense, o cal lle outorga a condición de utilidade pública co cal, xunto coa sinatura deste convenio, permite avanzar na expropiación de terreos, necesaria para completar a senda.

Esta actuación ten por finalidade dar continuidade á actual senda peonil que leva deica Outariz, realizar unha rexeneración ambiental, asegurar noiros (taludes), colocar paxareiras de madeira, cartelería indicativa e informativa así como outro mobiliario necesario. O orzamento desta actuación será de medio millón de euros.

No segundo caso, trátase do saneamento de Velle, que na actualidade verte as súas augas en fosas sépticas, pondo fin, deste xeito, a un problema para o que os veciños levan moitos anos solicitando unha solución. As obras consistirán en recoller as augas saíntes de tódolos veciños e canalizalas cara o colector municipal. O orzamento desta obra ascende a 2.974.261 euros.

En ambos casos o financiamento destas actuacións correrá a partes iguais entre Concello de Ourense e Confederación Hidrográfica do Miño Sil. Unha vez rematadas as obras, procederase a entrega, para o seu mantemento, ao Concello de Ourense.

Na mesma xuntanza tamén se aprobou levar a pleno o expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos 4-P/2020. Este, consiste na aprobación dunha factura por importe de 37.575,15 euros, correspondente a gastos realizados no exercicio 2017 que non puido seguir a tramitación ordinaria habitual.

A Comisión de Pleno tamén ditaminou favorablemente a proposta de implantación do sistema de vídeo-acta nas sesións do pleno do Concello.

Os convenios coa Confederación Hidrográfica e a implantación das vídeo actas foron ditaminados favorablemente por unanimidade de todos os grupos políticos municipais. O recoñecemento de débeda ditaminouse favorablemente por parte de todos os grupos agás polo Bloque Nacionalista Galego, que se abstivo.

Deja una respuesta