Mércores 10 de Agosto de 2022

A Concellería de Educación organiza obradoiros de ‘ecopercusión’ para alumnado de 6º curso de Primaria


Nestes obradoiros empregaranse elementos cotiáns como cubos, bidóns, etc. para que os participantes aprendan a darlle unha nova vida e, ao mesmo tempo, descubran distintas técnicas

A Concellería de Educación continúa coas actividades complementarias para o alumnado de distintas idades dos centros de ensino da nosa cidade, e no mes de decembro desenvolverá obradoiros presenciais de Ecopercusión dirixidos a nenos e nenas de 6º curso de Educación Primaria.

Nestes obradoiros empregaranse elementos cotiáns como cubos, bidóns, etc para que os participantes aprendan a darlle unha nova vida e, ao mesmo tempo, descubran distintas técnicas de agarre e golpeo. Traballaranse desta forma tres das competencias clave de educación: a cultural e artística, a social e o ‘aprender a aprender’.

Os principais obxectivos desta actividade son: Achegarlle a percusión ao alumnado; aprender a facer instrumentos con elementos reciclados; recoñecer distintos ritmos e sonoridades; montar unha banda de ecopercusión; e desenvolver capacidades cognitivas, musicais e sociais.

A primeira sesión terá lugar o vindeiro martes, 1 de decembro, no CPR Luis Vives. En total, haberá 15 sesións nas que participarán 375 nenos e nenas de 9 centros de ensino da cidade: os CEIP Manuel Luis Acuña, Manuel Sueiro, O Couto, Virxe de Covadonga, Albino Núñez, Prácticas; o CPI José G García; e os CPR Divino Maestro, Luis Vives e Padre Feijoo.

Cada clase ou burbulla participante terá unha soa sesión cunha duración aproximada de 120 minutos e cumprirase en todo momento co protocolo COVID.

Deja una respuesta