
A Deputación de Ourense suma neste ano 2020 unha nova publicación, editada en colaboración co Centro de Cultura Popular do Limia e o Museo da Limia, A Raíña Loba, un relato infantil do que é autor Manuel Seoane e que deron a coñecer o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar; o presidente da Asociación cultural Padroado do Museo Etnolóxico da Limia, Delfín Caseiro e o propio autor, presidente do Centro de Cultura Popular do Limia.
O libro conta coas ilustracións de Moisés Míguez, orientado polos seus profesores da Escola de Arte “Antón Faílde”, Carmen Lage e Luis Carreira, e co deseño e maquetación de Tonho Ferreiro, tamén profesor na “Faílde”. No relato sobre a lenda da Raíña Loba, o texto de Seoane, recolle e interpreta a tradición oral sobre os feitos acontecidos nun tempo incerto nese agreste e mítico territorio entre os concellos de Os Blancos e Baltar.
A Raíña Loba é a terceira entrega de libros infantís ilustrados sobre as lendas da Limia que edita o Centro de Cultura Popular do Limia, neste caso en colaboración co Museo da Limia, e da Deputación de Ourense. Os anteriores foran A Lenda da Lagoa de Antela, de Delfín Caseiro, e O Paso do Esquecemento, de Antón R. Coello.
Esta é a primeira publicación, produto do convenio asinado entre a Deputación de Ourense e as citadas asociacións limiás, que inclúe catro publicacións específicas relacionadas coas Terras da Limia e a edición anual da revista “LETHES. Cadernos culturais do Limia”, durante os vindeiros catro anos. Nos vindeiros días tamén concluirá a dixitalización da Biblioteca da Limia, que forma parte do Museo da Limia, cuxos traballos tamén están incluídos no citado convenio.
Deja una respuesta
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.