Venres 15 de Xaneiro de 2021

A Xunta colabora na instalación da cuberta do Parque Infantil do CEIP de Oímbra


A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, os traballos levados a cabo ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou esta mañá as actuacións realizadas no CEIP de Oímbra para instalar unha cuberta no parque infantil do centro educativo. Á visita tamén acudiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.
A actuación enmárcase na Orde de infraestruturas de uso público, que este ano incrementou o seu orzamento nun millón de euros ata acadar os catro millóns de euros. Ademais, a convocatoria deste ano contou cunha nova liña para o financiamento da construción de parques infantís cubertos ou a cubrición de parques xa construídos.
Natalia Prieto destacou a aposta da Xunta por colaborar en iniciativas coma estas postas en marcha polos concellos e destinadas a mellorar os seus servizos e o benestar dos cidadáns.
Desta forma, tamén incidiu na necesidade de que os municipios participen na xestión compartida de servizos con iniciativas conxuntas que lles permitan ser máis eficientes e evitar duplicidades, ao mesmo tempo que aforran recursos.
Neste caso, resaltou o traballo de Oímbra no marco Mancomunidade de municipios da comarca de Verín, á que pertence, que ten recibido apoio da Xunta para a dotación de mobiliario para a sede do organismo e tamén en varios exercicios, incluído este ano, axudas da Xunta ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental para o punto limpo mancomunado. Ademais, acadou un terceiro premio nunha das edicións dos Premios Coopera.
Por tanto, o investimento da Xunta tanto nestes proxectos comúns como en solicitudes individuais ás distintas liñas de axudas da Vicepresidencia Primeira supera os 639.000 euros nos últimos anos para financiar melloras ambientais e de infraestruturas. Deste xeito, o Goberno galego vén apoiando ao concello en actuacións na Casa do Concello, no polideportivo municipal, así como na mellora da eficiencia enerxética nas redes de alumeado público de varios núcleos do municipio.

Deja una respuesta