Luns 18 de Xaneiro de 2021

O Concello mellora a accesibilidade e humaniza a rúa Arias Páez con máis de 200.000 euros de investimento


O proxecto foi afectado pola pandemia, pero o atraso nas obras foi unha oportunidade: “Puidemos gañar en accesibilidade, salvamos unha camelia e revalorizamos a zona”, afirma Gonzalo Pérez Jácome.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, visitou esta mañá a rúa Arias Páez, no barrio da Milagrosa, onde o Concello executou o proxecto de mellora de accesibilidade por importe de 212.743,41 euros. Iniciado o pasado 20 de febreiro, foi afectado pola pandemia da Covid-19, pero o atraso nas obras foi unha oportunidade: “Puidemos modificar o proxecto inicial para gañar en accesibilidade, salvamos unha camelia moi valorada polos veciños e revalorizamos a zona”, dixo o rexedor. “A mellora de dotacións nos barrios”, asegurou, “mellora a vida dos veciños: estar vendo algo bonito ten efectos beneficiosos na saúde e no benestar”.

Trátase dunha mellora ambiental e de infraestruturas: as obras eliminaron obstáculos, creando ramplas continuas para o mellor acceso aos edificios sen ter que utilizar as escaleiras, que permanecen de modo auxiliar e adaptadas. Instalouse mobiliario deseñado con accesibilidade como bancos, papeleiras e fontes de auga para uso con cadeiras de rodas que, no caso das fontes, levan ademais un dispensador de auga para as mascotas.

A iluminación, feita en madeira, semella arboredo polo seu fuste e cromatismo, xa que no espazo non era posible incorporar especies arbóreas. Por esa razón mantivéronse todas as existentes, plantadas polos propios veciños.

Os pavimentos, moi cromáticos, están dotados dunha guía pétrea para as persoas con baixa percepción visual, e as escaleiras que persisten están pintadas en tons con contraste para ser máis accesibles á vista. Para dar un contido identificador do espazo público no que estamos utilizouse unha soa cor en todo o equipamento, neste caso azul Ral 5013. As varandas e a iluminación pública foron deseños exclusivos para esta obra, e o xardín ten sistemas de rega automatizados programables e plantación de baixo mantemento.

O resultado é un espazo de interrelación veciñal con pequenas prazas ou ágoras onde se pode conversar e pasear, tanto polo día coma pola noite.

Melloras nos accesos ao barrio. O alcalde aproveitou a visita á Cruz Alta para supervisar as obras de mellora -asfaltado, arranxo de arquetas e dotacións, e pintado- na rúa Xoán de Nóvoa. Porén, non será a única actuación: nos vindeiros días procederase á ampliación das beirarrúas na rúa da Canle, xunto ao conxunto cultural de San Francisco.

Deja una respuesta