Luns 08 de Marzo de 2021

Deputación de Ourense, Consello da Cultura e Xunta amosan a faceta humana e cultural de Afonso X no 800 aniversario do seu nacemento


Manuel Baltar, quen participou hoxe na presentación por videoconferencia deste proxecto expositivo, destacou “a capacidade intelectual dun dos persoeiros clave da historia de Galicia”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na presentación, por vía telemática, da exposición que conmemorará o 800º aniversario do nacemento de Afonso X, un proxecto que o Consello da Cultura Galega organiza coa Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia “sobre un dos persoeiros clave da historia de Galicia no que destacou a súa capacidade intelectual”. O presidente do goberno provincial dixo que a cultura “non se detén a pesares dos tempos de pandemia, e a proba e que seguimos fortalecendo lazos de colaboración entre administracións e institucións como o Consello da Cultura Galega nun proxecto como este sobre Afonso X, que será exhibido no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, un persoeiro que con 11 anos estaba en Maceda aprendendo galego, a nosa lingua, nese Castelo de Maceda onde naceu Xan de Novoa, o gran navegante”.

Baltar salientou que homenaxear a un rei como Afonso X, que asombrou coa súa capacidade intelectual e a súa obra literaria, científica, histórica e xurídica, e por suposto coas Cantigas de Santa María, é toda unha honra”, e engadiu que con esta exposición “iniciamos unha senda de colaboración que no futuro seguirá para desenvolver proxectos como este, que afonda na nosa autoidentificación, na nosa identidade, para presumir do que somos, un gran pobo, que segue con atención os alicerces da súa cultura e da súa pegada histórica”.

A exposición “Afonso X e Galicia”, que conta tamén coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, busca visibilizar a conexión con Galicia de Afonso X, no 800 aniversario do seu nacemento, a través das “Cantigas de Santa María” pero tamén noutros nexos máis profundos, ao tempo que amosa un intelectual que condensa outra forma de entender o saber do seu tempo. O musicólogo e medievalista Antoni Rosell é o comisario desta mostra, que se inaugurará en xaneiro.

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, afirma que será unha exposición moderna, no fondo e na forma, que mostra a figura polifacética de Afonso X, de grande importancia no contexto ibérico e europeo, mais faino desde a óptica de Galicia e da súa influencia na nosa historia cultural”, quen destacou que a exposición procura poñer en valor todo o patrimonio galego vinculado coa monarquía afonsí.

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, destacou a importancia da colaboración institucional para amosar “un proxecto expositivo que poñerá en valor a importante relación do monarca con Galicia, que ten unha das súas expresións nas Cantigas de Santa María, unha das obras da lírica medieval máis senlleiras redactadas en lingua galega”.

A exposición

“A intención é presentar a Afonso como un ser humano que tivo grandes logros culturais, pero tamén grandes fracasos; que soñou ser o grande emperador de Europa e que acabou moi lonxe do seu propósito” explicou o comisario Antoni Rossell, que interveu na presentación por videoconferencia. Na mostra poderá verse un personaxe “máis preocupado por conquistar o saber e o seu propio destino que polos límites do seu territorio. Alguén que se posiciona entre o pobo e a divindade, empregando a astroloxía para predicir o facer dos homes” engadiu.

Dolores Vilavedra, secretaria do CCG e membro comité da exposición, puxo o acento en destacar a relevancia de Afonso X como home de cultura. “Afonso X foi unha figura da cultura europea, pero tamén cunha visión de grande actualidade” apuntou. Incidiu en que “era un home que se movía con absoluta normalidade en diferentes linguas, que entendía que a confluencia das linguas era enriquecedora e que, ademais, tiña unha idea de cultura transversal na que non había división entre humanismo e ciencia”.

A proposta expositiva afástase das exposicións de obxectos, busca compoñer ese relato a modo de crebacabezas con varios niveis, apoiado nunha narrativa multimedia. As circunstancias sanitarias obrigaron a adaptar o deseño desta exposición para que se poida “tocar” virtualmente a través dos dispositivos móbiles, pero tamén de proxeccións visuais e sonoras que permitirán trasladar a atmosfera da Idade Media.

O relato expositivo estará en galego, inglés e castelán e permitirá achegarse á complexa e poliédrica figura de Afonso X, ás Cantigas de Santa María, como testemuño visual e sonoro da Idade Media galega e europea, aos instrumentos e á cultura galega da época. A exposición está aberta ao público na Igrexa da Universidade en Santiago de Compostela entre o 12 de xaneiro e o 24 de abril, e a primeira das súas itinerancias será Ourense, o Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Responsables técnicos

Antoni Rossell é un especialista en estudos comparados de literatura e música. Actualmente é profesor da Universitat Autònoma de Barcelona e ten unha ampla experiencia como director e membro de numerosas entidades relacionadas coa cultura medieval como son o Arxiu Occità (Institut d’Estudis Medievals-UAB), o Centre d’ Estudis Trobadorescos, o Instituto de Estudios Medievales da UAB ou o Centre Interuniversitaire d’Histoire et d’Archéologie Médiévales. Entre as súas áreas de investigación tamén destaca a transmisión e circulación dos paradigmas culturais no Novo Mundo.

Aínda que o deseño intelectual recae en Rossell, a exposición ten unha parte de posta en escena moi destacada, que recae no arquitecto Roger Badía (Barcelona, 1992). Formado na UPC-ETSAB de Barcelona e no ZHAW Architektur en Winterthur, colaborou en varios despachos de arquitectura e desenvolveu diferentes proxectos efémeros. É un especializa en rehabilitación de patrimonio e deseño de instalacións lumínicas e performativas.

Afonso X e o Consello da Cultura Galega

Esta exposición é unha acción máis das múltiples que o Consello da Cultura Galega leva facendo en prol da investigación sobre a Idade Media, máis concretamente sobre as “Cantigas de Santa María”. Constitúen unha das obras máis importantes saídas do obradoiro literario de Afonso X de Castela e León, e un dos monumentos artísticos máis valiosos e representativos da cultura europea medieval. Esta obra chegou a nós mediante catro manuscritos coetáneos, que representan tres ‘edicións’ sucesivas, cada cal máis ampla, da vasta colección mariolóxica afonsina.

En 2003 o Consello da Cultura Galega realizou unha edición do Códice de Toledo, o menos coñecido dos catro manuscritos, en resposta a unha demanda de reprodución fotográfica de calidade, que facilitase a consulta e estudo deste manuscrito nas súas distintas facetas, desde as puramente materiais ou anecdóticas, ata as literarias, lingüísticas e musicais. A obra tivo grande éxito e, cinco anos despois, o Consello realizou unha segunda edición. En 2010 volveu sobre a obra cunha transcrición, estudo preliminar e notas da profesora Martha E. Schaffer, unha auténtica especialista que levaba anos estudando as cantigas.

Ademais, da man de Antoni Rossell, o CCG editou en 206 unha versión vocal das Cantigas de Santa María nun CD con múltiples colaboracións, que foi o resultado dun intenso traballo de cinco anos que xuntou a investigadores de diferentes universidades europeas, actores, músicos e intérpretes. Foi un proxecto de reconstrución musical, arqueolóxica e lingüística que achegaron unha interpretación das Cantigas diferente.

Deja una respuesta