Luns 08 de Marzo de 2021

O Concello dálle fin á concesión da explotación de mobiliario urbano publicitario (mupis) na cidade


O Concello retirará os máis de 120 elementos de publicidade en papel e pantallas dixitais, deixando só os indicadores de hora e temperatura

 

O Concello de Ourense deu por rematada a concesión de explotación de mobiliario urbano publicitario (mupis) e eliminará as máis de 120 pezas que se atopan instaladas nas rúas, parques e prazas da cidade. O pasado sábado, 21 de novembro, rematou a concesión outorgada en 2016 a unha empresa para explotar publicitariamente estes elementos e o Concello, tal e como anunciara o alcalde no mes de maio, non a renovará.

Gonzalo Jácome explica que as pezas de publicidade en papel e pantallas dixitais producían unha “gran barreira arquitectónica”, xa que impiden gozar do espazo público da cidade, non só o que ocupan fisicamente, senón tamén o da súa contorna: obrigan as persoas que camiñan pola rúa a ter que rodealos e desviarse dos seus itinerarios. Tamén producen “contaminación visual, xa que obstaculizan a visión dos escaparates dos comercios”, ademais do feísmo ao atoparse en rúas, parques e zonas verdes cuxa estética deterioraban”. No caso das pantallas dixitais, ocasionaban tamén perigos de seguridade viaria, xa que podían distraer a atención dos condutores.

A cambio, a concesión só lle reportaba uns ingresos duns 150.000 euros ao Concello, explica o rexedor, “que non compensan os danos que ocasionan os mupis”. Tamén explica: “non temos que utilizar o espazo público para anunciar publicidade cando xa existen vías convencionais, como os medios de comunicación”.

Extinguida a concesión, que o Concello non renovará, nas próximas semanas procederase á retirada física destes elementos, deixando unicamente en servizo os expositores que proporcionan a información de hora e temperatura.

Deja una respuesta