Venres 27 de Novembro de 2020

O Concello de Ourense festexa este domingo a patroa da música cun concerto do Dúo Cassadó


O concerto por Santa Icía terá lugar no Auditorio Municipal desde as 19:00 horas

 

Este domingo, 22 de novembro, desde as 19:00 horas no Auditorio Municipal, o Concello de Ourense festexará a patroa da música, Santa Icía, cun concerto a cargo do Dúo Cassadó, formación de piano e violonchelo, dentro da programación do Ciclo Enclave de Cámara.

O Dúo Cassadó, formado polo violonchelista Damián Martínez Marco e a pianista Marta Moll de Alba, comezou a súa traxectoria artística no ano 2000 e desde entón recibiu o recoñecemento do público e da crítica internacional. O Dúo desenvolverá un programa con obras de Bach, Beethoven, Bloch e Pärt.

Damián Martínez, considerado un dos mellores violonchelistas da súa xeración, destacou a temperá idade pola recomendación de Mstislav Rostropovich á súa Maxestade raíña Dona Sofía. Recoñecido pola crítica especializada pola súa “sensibilidade expresiva” e o seu “exquisito son”, foi galardoado en concursos internacionais en Francia, España e Portugal.

A pianista Marta Moll de Alba está considerada como unha brillante representante dos pianistas da súa xeración. É gañadora en concursos de piano en Barcelona, Porto e Mannheim. En 2006 a Real Sociedade Económica de Amigos do País concedeulle o “Premio Gran Canaria”.

As entradas poden adquirise a través da plataforma A Taquilla ao prezo unitario de 8 euros.

O Ciclo Enclave de Cámara continuará en decembro, o xoves 3, coa presenza da Real Filharmonía de Galicia, co aforo xa completo.

Deja una respuesta