Venres 27 de Novembro de 2020

30 iniciativas para reactivar a provincia de Ourense na era poscovid


Manuel Baltar destacou que nestes momentos difíciles “o consenso faise máis necesario ca nunca e debemos ir sempre da man de Ourense, porque as crises cambian as prioridades e hai que saber adaptarse”

30 iniciativas para reactivar a provincia de Ourense na era poscovid. Así resumiu o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, as propostas aprobadas hoxe no pleno do Debate sobre o estado da provincia celebrado no Pazo Provincial, que tivo como protagonista á realidade social e económica que se abre nesta etapa do COVID-19 e no período que comezará trala superación da pandemia. “Nestes momentos difíciles -dixo Baltar- o consenso faise máis necesario ca nunca, e debemos ir sempre da man de Ourense, porque as crises cambian as prioridades e hai que saber adaptarse”.

O presidente do goberno provincial salientou que Ourense “conta co goberno da Deputación para protagonizar a recuperación, para estar ao lado dos sectores da nosa economía como o agroalimentario, o do viño, o comercio, os autónomos ou a hostalaría, coa confianza, como palabra clave para a recuperación, porque nada pode analizarse, entenderse ou proxectarse sen ter en conta o impacto do COVID-19. Nunca transformación tal coñecemos en tan pouco espazo de tempo”, afirmou.

No debate, Manuel Baltar presentou 14 medidas, a título persoal, centradas nos ámbitos de medio ambiente, cultura, turismo e deporte, sectores estratéxicos, emprendemento, universidade, administración e interacción co cidadán, nun pleno no que se aprobaron un total de 16 propostas de resolución dos grupos políticos: 10 do Partido Popular, 3 do BNG e 3 de Cidadáns, referidas a turismo, natureza, equilibrio territorial, cooperación cos concellos e fondos europeos, tecnoloxía, vivenda e demografía, emerxencias, seguridade viaria, administración, cultura, maiores e sanidade.

Manuel Baltar dedicou boa parte do seu discurso ás consecuencias da pandemia. “Vaia por diante o meu recordo para todas as vítimas -267- e os seus familiares, tamén todo o meu ánimo para aqueles que están a padecer o virus, facendo de novo un chamamento á responsabilidade individual no cumprimento dos protocolos hixiénico-sanitarios para superar esta dramática situación”, engadindo que este escenario “provoca que, por primeira vez na historia desta Deputación, esteamos a facer posible esta sesión por videoconferencia, opción escollida para as xuntanzas de tódolos órganos colexiados”.

Baltar quixo destacar “a todas as persoas que están en difícil situación económica e laboral, aos autónomos que xa recibiron unha axuda directa desta institución, a máis social da historia; unha administración útil cun aparato administrativo a quen quero agradecer, ao persoal ao servizo desta deputación, a súa implicación e a súa axilidade na tramitación dos procedementos”, expresou, e enviou “unha especial mensaxe para o sector da hostalaría e o comercio, especialmente castigado polas restricións acordadas para reducir os devastadores efectos do COVID-19”.

As 14 medidas que propuxo o presidente Baltar son as seguintes:

MEDIO AMBIENTE E INFRAESTRUTURAS

1.- Atribuír a un membro do goberno provincial as competencias en materia de cumprimento e seguimento da axenda 2030.

2.- Proxecto de xestión ambiental integral: a Deputación de Ourense co-liderará un proxecto de economía circular que, ademais de innovación, crecemento económico e mellora do impacto ambiental no noso territorio, ofrece unha solución para a xestión de residuos en liña, con tres ámbitos de actuación: planta de biometanización, planta solar fotovoltaica e planta de obtención de hidróxeno verde. A Unión Europea ten instaladas con esta tecnoloxía algo máis de 700 plantas de produción de biometano, das cales en España hai 5 e en Galicia ningunha. Neste sentido, Manuel Baltar expresou que Ourense “volverá ser referente en innovación e aproveitamento dos nosos recursos; o goberno provincial volve a situarse como actor principal a hora de captar e facilitar proxectos empresariais no territorio, que fagan que este evolucione pero sen perder a nosa esencia”. Os datos económicos e socioeconómicos do proxecto, financiados desde o sector privado, son os seguintes: 21 millóns de euros, 20 empregos directos e 100 empregos indirectos.

CULTURA

3.- Posta en marcha da web da cultura de Ourense da man do sector: axenda, axudas, convocatorias, foros, etc.

4.- Exposicións: “De Nós a nos”, coa Xunta de Galicia; “Alfonso X o Sabio de Galicia”, co Consello da Cultura Galega.

5.- Inventariado e catalogación dos bens culturais da Fundación Santamaría-Temes , 900 pezas que integran os fondos da colección artística e pictórica de Angelita Varela. A Esta colección poderá ser visualizada na exposición que patrocinará a Deputación de Ourense.

TURISMO E DEPORTE. OURENSE COMO SEDE

6.- Observatorio Mundial do Termalismo.

7.- Implantación en 2021 do proxecto Destino Turístico Intelixente: “Hai un Ourense para ti. Descúbreo”.

8.- Centro de interpretación do Camiño de Santiago no edificio de Correos.

9.- Centro Galego de Tecnificación do Hóckey. En xaneiro celebrarase no pazo dos deportes “Paco Paz” o Campionato europeo feminino de seleccións.

SECTORES ESTRATÉXICOS, EMPRENDEMENTO E UNIVERSIDADE

10.- Maior protagonismo da Deputación e do Inorde en Tecnópole.

11.- Nova etapa do Inorde, orientado cara á xestión de proxectos para a recuperación, transformación e resiliencia de Ourense.

12.- Convenio coa UNED para actividades formativas de asesoramento e investigación sobre emprendemento rural. Reforza o proxecto EmprendOU, liderado pola Deputación de Ourense, neste intre con 113 proxectos aprobados en Xunta de Goberno.

ORGANIZACIÓN ADMINISTRATIVA E INTERACCIÓN CO CIDADÁN

13.- Renovación da web corporativa e do portal de transparencia da institución, seguindo a ser pioneira como coa “Xornada sobre Compliance” que organizaremos coa Fundación Democracia e Goberno Local.

14.- Potenciar á atención ao cidadán mediante un sistema de cita previa e mesmo por videochamada. Seguir traballando na automatización robótica de procesos. Nesa liña estamos a traballar para dotar a Deputación dun sistema accionable de información (SiaOU) que permita crear e compartir comunicacións interactivas e actualizables en tempo real, para que os cidadáns teñan acceso durante as 24 horas ás nosas actuacións, mediante fontes de información directas, áxiles e nun formato amigable, o que permitirá tamén que as súas opinións podan ser tidas en conta na construción de novas propostas.

“Tempo de retos e desafíos”

Manuel Baltar dixo que “é tempo de falar de retos e desafíos, dos contidos no Plan Ourense 7273, e tempo para falar da intelixencia do rural, da materia pendente que temos de recapitalizar o rural, recuperando o seu talento experto. Unha teima na que imos xuntos coa Universidade de Vigo, co noso Campus de Ourense, como co congreso internacional que concluíu coa Declaración de Santo Estevo, asumida por entidades nacionais e internacionais. Falamos dun novo contrato social para o rural”.

“Falamos da política xeral na provincia de Ourense, un territorio cunha indubidable vocación europeísta. Esas institucións comunitarias que deben ver a Ourense como un living lab único. Un proxecto europeo onde esta Deputación participa activamente, máis que ningún outro goberno provincial de España. Ese traballo en rede que permite, sempre por elección unánime, que teña a honra de seguir presidindo a Asociación europea de gobernos provinciais e a Asociación Europea de Cidades Históricas Termais. Ferramentas como a Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios onde son o único representante de España e da que son Vicepresidente. E a curto prazo a entrada desta Deputación no Eixo Atlántico, sen dúbida un excelente instrumento para seguirmos avanzando na cooperación territorial”, expresou.

O presidente da Deputación afirmou que a dinámica deste goberno provincial “é construír, facer, erguer, fornecer, contraposto á actitude destrutiva doutros, aqueles que se levantan sempre contra alguén ou contra algo. Momento para fuxir daquela perversión que denunciou Michael Ignatieff –o que foi Líder do Partido Liberal do Canadá- en “Lume e cinzas”, cando se refería “a descualificación e destrución persoal do adversario para negarlle o dereito a intervir no debate público”.

Economía

No ámbito económico, Baltar destacou que os trece documentos elaborados polo OEOU nos últimos sete meses, “marcan desde o principio as características da crise e os retos que se presentaban no ámbito sociolaboral en cada momento. A crise puxo de manifesto que a economía ourensá posuía un extraordinario aliado: unha estrutura económica que a dota dunha maior resistencia. As rendas dispoñibles e mesmo a ocupación e actividade deixaron á vista unha capacidade máis inelástica que outras economías, ante crisis moi acentuadas e bruscas como é a que estamos a vivir”.

“O noso principal propósito a partir de agora será ver como somos capaces de incrementar a calidade de vida dos ourensáns nese novo escenario. E na nosa vontade está crear unha administración áxil, adaptativa, proactiva, transparente e aberta á participación dos cidadáns e a colaboración cas empresas. Podería dicirse que agora empeza todo”, expresou Manuel Baltar.

Para abordar esta nova realidade salientou que é o momento de cuestionar algúns dos axiomas. “É o caso da aposta por un “desarrollismo construido” a partir de núcleos urbanos; a penalización das transferencias públicas, ou mesmo a asociación dos territorios con baixas densidades de poboación, coma o noso, con espazos de declive económico. A este último respecto compre lembrar que con densidades de poboación iguais ou inferiores á nosa tamén se atopan todas as NUTS 3 da boiante Finlandia (salvo a de Helsinki), 14 das 21 NUTS 3 da modélica Suecia ou 17 das 19 da puxante Noruega. A maioría delas teñen densidades por baixo incluso dos 12,5 habitantes por km2, fronte ós máis de 42 da nosa provincia. Non se trata, entón, de tomar como referencia aos que son máis, senón aos que son mellores, independentemente da súa poboación”.

“E o mesmo se podería dicir da poboación pensionista que aporta cada ano case mil millóns ás rendas dispoñibles da provincia, ou dos 26.000 empregados públicos que nos fan menos fráxiles como sociedade. Ata agora eran estigmas, pero no novo escenario esa consideración está a mudar e están pasando a formar parte das nosas máis sólidas posibilidades”, dixo o presidente.

No reto de impulsar a construción dun novo modelo de crecemento económico, Baltar resaltou “aspectos que deben de ser parte central do noso traballo para os próximos meses: a fortaleza da estrutura empresarial da provincia en sectores económicos claves e estratéxicos, como o sector agroalimentario e o da innovación; aproveitar a Economía Verde vencellando nela aos grupos empresariais de referencia nacional e internacional asentados na provincia, tanto no ámbito da construción como da xestión e reciclaxe de residuos; impulsar un ecosistema para a creación de emprego, integración e desenvolvemento profesional de traballadores mozos nun sector que rexistrará un gran crecemento da demanda no futuro; e impulsar un ecosistema de innovación, a partir de estratexias de colaboración público-privadas que aposten polo coñecemento existente e pola inmersión en novos saberes aplicados que se conecten coa agroalimentación e coa economía verde. Temos que ser capaces de artellar sinerxias entre estos tres vectores e intentar explorar e avanzar en novas fortalezas”.

E nesta liña citou ao Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), do que a Deputación é socio, e no que están xa centros de I+D+I como o Centro de Investigación, transferencia e innovación da Universidade de Vigo ou o Centro Tecnolóxico de la Carne. “O Parque debe ser chamado a xogar un papel clave nesta aposta, e nese propósito deberemos reforzar a nosa presencia e implicación no seu aproveitamento”, remarcou.

Ourense, espazo seguro

O presidente da Deputación dixo que debemos amosar “que Ourense é un espazo seguro, optimista, diferenciado e competitivo; crear unha maneira propia de facer as cousas que non sexa peor nin mellor pero que sexa a nosa. Debemos ser atrevidos, dar pasos, buscar outros referentes distintos aos que nos trouxeron ata hoxe. Temos que arriscar. E temos que deixar os pesimismos e lamentos para tempos mellores, porque estes son demasiado malos para deterse en queixas, e sería irresponsable facelo”.

Un esforzo que tamén debe encamiñarse -dixo- a tirar proveito da situación transfronteiriza da nosa provincia, cunha maior participación e presencia no territorio da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. “Aspiraremos a que Ourense teña o liderado que lle corresponde nas actuacións relacionadas cos sectores expostos, e que se porán en marcha principalmente a través dos programas de financiación incluídos no marco “Next Generatión UE”, e destacou actividades como a industria do automóbil ou a industria extractiva da lousa, “por ser sectores sinalados como prioritarios dentro do plan de recuperación económica Next Generation UE”.

En clave europea, Manuel Baltar afirmou que desde a aprobación do Plan de recuperación, na xuntanza extraordinaria de xullo do Consello europeo, “a Deputación de Ourense está a traballar para detectar os desafíos e aproveitar as oportunidades que nos ofrece, así como para garantir unha repartición territorial equitativa dos mesmos, impulsando liñas de traballo que -no Plan de Recuperación e no Pacto Verde Europeo- permitan mediante o impulso de proxectos público-privados favorecer o crecemento económico provincial intensificando os procesos de dixitalizacioìn e a aceleración da transición cara modelos económicos máis sustentables. É un reto de todos traballar para garantir unha repartición territorial equitativa dos fondos para que as entidades locais xoguen o papel que lle corresponde”.

Baltar rematou salientando que es profundos cambios que está provocando o COVID-19 na actividade económica e no mercado laboral “fan obrigado repensar a situación das economías locais. Pero os efectos da pandemia non son os únicos que transformarán profundamente o emprego e a maneira de traballar. Iso ía acontecer de todos modos. O virus só o acelerou”. “As institucións temos a obriga e a oportunidade de poñernos ao fronte e atopar o punto de equilibrio entre o que somos e o que nos corresponde ser nestes novos tempos. A aprendizaxe non debe deterse, tampouco para nós”, concluíu.

Propostas de resolución aprobadas

O pleno aprobou 16 propostas de resolución dos grupos políticos. Son as seguintes:

EQUILIBRIO TERRITORIAL

1.- Xestionar diante da Xunta de Galicia a ubicación na provincia de Ourense de proxectos autonómicos que opten aos fondos europeos “Next Generation”.

TURISMO DEPORTIVO

2.- Fornecer a posición de liderado da provincia en deportes náuticos con infraestruturas deportivas en Laias, Arnoia e Castrelo de Miño coa “Coupe de la Jeunesse” de 2022 como evento catalizador.

HOMENAXE AO PAI MIÑO NA PROVINCIA TERMAL

3.- Centro de interpretación do río Miño no Concello de Toén, establecendo conversas coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para sumala a este proxecto.

NATUREZA E LECER COMO MOTOR ECONÓMICO COMARCAL

4.- Abrir unha nova etapa de xestión en Meisa, coa desestacionalización como obxectivo de mellora permanente e a identificación coa comarca.

COOPERACIÓN COS CONCELLOS E FONDOS COMUNITARIOS

5.- Creación do programa “Ourense provincia biosostible”, que axudará aos concellos a captar fondos do programa “Green Deal”, dotado con 1.000 millos de euros

SEGURIDADE PERSOAL E TECNOLOXÍA

6.- Aplicación “VOUCONTIGO”, para axudar á veciñanza en situación de risco por maltrato, asalto ou agresión sexual. Ante unha potencial situación de emerxencia ou risco para a vítima, un grupo de contactos predefinidos da persoa agredida terá coñecemento inmediato do problema.

VIVENDA E DEMOGRAFÍA

7.- Plataforma informática provincial, en colaboración cos concellos, como escaparate de vivendas en disposición de ter vida no rural (para alugar ou vender).

MAPA PROVINCIAL DE MERXENCIAS

8.- Obxectivo de funcionamento dos GES: aplicar en 2021 a porcentaxe de financiamento (Xunta de Galicia, 52,5%; Deputación 40%; e concellos 7,5%) aos custos reais anuais.

SEGURIDADE VIARIA

9.- Converter a rede viaria provincial nunha vía escolar segura (Preto de 30 CEIP teñen acceso directo a vías provincias).

RACIONALIACIÓN ADMINISTRATIVA

10.- Metodoloxía “Lean” aplicada á simplificación administrativa e reenxeñería de servizos da Deputación, en consonancia cos traballos da carta de servizos e co liderado nacional en transparencia dos gobernos provincias.

TECNOLOXÍA

11.- Requerir á Xunta de Galiza e o Estado para tomar as medidas cara a extensión da fibra e/ou redes de internet con suficiente capacidade para traballar e estudar dignamente no rural da provincia de Ourense, máis aínda na situación que estamos a padecer.

SANIDADE

12.- Reclamar con maior forza e urxencia, se cabe, ante a Xunta de Galicia, o mantemento e mellora duns servizos sanitarios públicos de calidade. Tanto na atención primaria (que debe voltar a ser presencial en todo aquilo que non sexan meros procesos administrativos) como na hospitalaria.

PROXECTOS EUROPEOS

13.- Establecemento de liñas áxiles e abertas de colaboración cos concellos da provincia, que co liderado da Deputación poidan acceder a fondos e proxectos europeos. O que permitiría a posta en marcha de medidas de recuperación e colaboración co tecido socioeconómico de Ourense, de tal xeito que se active e reforce a capacidade produtiva do territorio nos sectores primarios, industriais e terciarios, con especial fincapé nos ligados ó comercio e hostalaría que tanto están a padecer a situación xerada polo Covid-19. E ó tempo, grazas os factores diferenciais que atesouramos en elementos patrimoniais, culturais e medioambientais poidan ser un sector clave na ansiada recuperación. Sempre que se establezan proxectos estratéxicos de desenvolvemento sustentables, acompasados cos fondos europeos que deben de achegarse prioritariamente a pequenas empresas e autónomos.

CULTURA

14.- Solicitar do Pleno da Deputación un apoio continuo á cultura e a tódolos sectores que fan posible calquera evento a través do proxecto “Cultura na rúa”. Programa de organización de distintos eventos repartidos por tódalas comarcas da nosa provincia durante os próximos meses.

VIVENDA

15.- Solicitar de novo ao Pleno da Deputación que acorde a posta en marcha dunha iniciativa piloto dun proxecto de Cohousing-Vivenda colaborativa nunha das nosas aldeas, implicando a tódalas Administracións.

TURISMO

16.- Solicitar do Pleno da Deputación que leve a cabo un proxecto definitivo para a estación de montaña de Manzaneda. Reestruturación e posta en valor

Deja una respuesta