Venres 27 de Novembro de 2020

A Xunta forma na aceleradora Connect-19 a pemes na mellora das competencias comerciais de produtos e servizos innovadores


As actividades formativas, que rematan hoxe, forman parte do programa de aceleración da comercialización de solucións innovadoras para a covid-19

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, destacou na súa intervención de peche do ciclo formativo da aceleradora Connect-19 a iniciativa e a capacidade innovadora das pemes galegas, que reaccionaron rapidamente ante os novos retos plantexados pola pandemia. De feito, puxo de relevo que partiron das pemes unha grande parte dos proxectos e solucións innovadoras impulsados polo sistema galego de innovación en resposta á covid-19.
Argerey chamou ás pemes participantes a aproveitar as novas oportunidades de negocio que abre este contexto, sinalando que as empresas que innovan e son capaces de facer as cousas dun xeito distinto están sabendo adaptarse ás novas dinámicas do mercado, ás novas necesidades dos clientes e ás novas canles de distribución.
De feito, este programa de aceleración posto en marcha pola Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Vicepresidencia segunda e consellería de Economía, Empresa e Innovación, e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), ten como obxectivo apoiar a aquelas pemes galegas innovadoras, de calquera sector, que conten cun produto ou servizo innovador para facer fronte ao impacto da covid19 e susceptible de incorporar de xeito inmediato ao mercado ou ben que xa se atope no mercado pero precise un pulo ao seu posicionamento.
Para rematar, a directora de Gain apuntou que a Xunta continuará apoiando e acompañando ao tecido produtivo galego neste camiño para que a I+D+i feita en Galicia siga contribuíndo a dar resposta á covid19 e á agardada recuperación.
Actividades formativas e de capacitación
A aceleradora Connect-19 desenvolve desde o mes de outubro actividades formativas orientadas a mellorar as competencias comerciais dos produtos e servizos innovadores.
Esta oferta formativa estivo aberta a calquera persoa interesada, non soamente as vinte que participan no programa de aceleración. De feito, participaron 65 empresas nos dous ciclos de formación, que tiveron formato virtual e un carácter eminentemente práctico.
O primeiro dos bloques estivo centrado na comercialización, co obxectivo de que as empresas participantes implementen melloras que lles fagan aumentar as súas vendas ou conseguir os seus primeiros clientes, no caso de que aínda non comercializasen os seus produtos. O segundo tratou sobre márketing e posicionamento e ofreceu as claves sobre como fundamentar o modelo de negocio, elixir as canles de distribución ou definir a estratexia dixital dos produtos e servizos contra a covid19.

Aceleradora especializada en covid-19
A comezos do verán a Xunta e o Parque Tecnolóxico de Galicia puxeron en marcha unha aceleradora de pemes especializada na comercialización de solucións contra o impacto da covid-19. Neste programa, denominado Connect-19, están participando vinte pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica de toda a comunidade co obxectivo de impulsar e fortalecer o acceso ao mercado de solucións innovadoras do tecido empresarial galego que poidan contribuír a reducir o impacto social e económico provocado pola covid-19. En concreto, perséguese que as pemes participantes acaden os instrumentos necesarios para adaptar as súas solucións ás novas situacións do mercado, fortalecer o seu posicionamento innovador, impulsar a comercialización e o acceso a mercados exteriores e obter financiamento público-privado.
Entre os proxectos que se están acelerando atopamos produtos como máscaras infantís biodegradables feitas con fibras vexetais, puntos de control de acceso e de temperatura, sistemas de vixilancia de aforo en espazos públicos con drons, un kit sensorial para a detección precoz da covid-19, ingredientes cosméticos con capacidade antiviral, unha aplicación para a xestión de dietas en hospitais e ferramentas orientadas ao teletraballo, entre outras.
Durante cinco meses as vinte empresas beneficiarias están recibindo asesoramento individualizado, capacitación comercial e técnica, así como apoio na captación de financiamento, a través dunha folla de ruta personalizada enfocada a fortalecer o acceso ao mercado de cada un dos proxectos.
Entre outros aspectos, as pemes participantes reciben apoio para obter acreditacións de innovación e certificacións, así como para avanzar na comercialización e internacionalización dos seus produtos ou servizos, identificando novos mercados potenciais. Así mesmo, axúdaselles a captar socios investidores. Expertos en diferentes áreas de crecemento empresarial e comercialización están traballando coas empresas seleccionadas de xeito personalizado

Deja una respuesta