Venres 27 de Novembro de 2020

Os servizos a concellos e veciñanza centran os temas das comisións informativas


As comisións informativas da Deputación de Ourense correspondentes ao mes de outubro celebran hoxe e mañá as súas reunións no Pazo Provincial. Na de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abórdanse as bases reguladoras do Programa provincial de cooperación cos concellos e mancomunidades para actuacións de limpeza das marxes das redes viarias municipal e provincial en 2021, mentres que na comisión de Facenda tratarase a aprobación inicial do orzamento para 2021 do Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo Contra Incendios e de Salvamento e a súa integración no orzamento xeral da Deputación para 2021. Nesta comisión tamén se informará do expediente de modificación das bases de execución do orzamento do exercicio 2020, n.º 6/2020, para a obra “Reparación e consolidación do muro de contención do mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo”, por importe de 42.300 euros.

Polo que atinxe á comisión de Cultura, Deporte e Mocidade, analizaranse as bases reguladoras do Programa provincial de cooperación cos concellos e a entidade local menor de Berán en materia de mocidade para 2021, para o que se prevé destinar unha contía de 549.000 euros, e na comisión de Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego trataranse as bases reguladoras do Programa provincial de cooperación cos concellos e a entidade local menor de Berán en materia de empregabilidade para 2021, que prevé unha chega de 1.830.000 euros.

Finalmente, a comisión informativa de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente abordará a aprobación da addenda do convenio entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a Deputación e o Concello de Vilamarín para o financiamento, execución e entrega das obras de mellora do tratamento na EDAR do Parque empresarial de Vilamarín; e tamén a aprobación da addenda do convenio entre a CH Miño-Sil, a Deputación e o Concello da Veiga, para o financiamento, execución e entrega das obras do proxecto das marxes do río Xares. Esta mesma comisión tratará a modificación da ordenanza do servizo de recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos e dos puntos limpos da provincia de Ourense; e tamén a modificación da ordenanza referida aos servizos de pesada e báscula industrial e punto de almacenamento temporal de residuos de construción e demolición no complexo medioambiental da Baixa Limia.

Deja una respuesta