Venres 23 de Outubro de 2020

O Concello conclúe os traballos de limpeza da arte urbana logo de mellorar o aspecto de 18 esculturas


O anxo caído, no Parque de San Lázaro, foi a última escultura na que traballou a empresa concesionaria da limpeza, Ecourense

O Concello de Ourense rematou, coa limpeza da estatua do Anxo Caído -de Francisco Asorey- no parque de San Lázaro, o seu plan de limpeza Cultura na rúa para as obras culturais da cidade. A través da concesionaria da limpeza, Ecourense, contratouse unha empresa especializada na protección e conservación da arte, con experiencia contrastada neste tipo de labores, para completar un percorrido por 18 obras. Os traballos contaron cun orzamento de 32.609 euros.

Tratábase dunha posta en valor e mellora da conservación destas 18 obras a través dunha limpeza exhaustiva na que se utilizaron mesturas de produtos de limpeza respectuosas cos materiais das esculturas, e empregando a maquinaria adecuada para os distintos tamaños e composicións de cada obra.

O equipo de traballo de limpeza de Ecourense prestoulles especial atención ás manchas provocadas polas pintadas e actos vandálicos, pero tamén tivo que loitar contra musgos e liques que medraban sen control, contra os danos producidos pola polución da contorna e contra o óxido, nas partes de metal. Na súa maior parte, a dificultade das actuacións era “alta” ou “extrema” pola situación de deterioro dos materiais -granito, grafitos e bronce-.

Desde finais do mes de xuño, cando se iniciou a limpeza da estatua do San Rosendo, de Xosé Cid, continuouse con outras coma o Nexus VI, de Xosé Luís Carreira, na avenida Pardo de Cela, o Padre Feijóo de Eugenio Montes, a estatua de Concepción Arenal, de Aniceto Mariñas, O Carrabouxo, Píramo e Tisbe ou a de Ramón Otero Pedrayo, na praza do Correxedor.

Deja una respuesta