Venres 23 de Outubro de 2020

O alcalde propón estimular o consumo con bonos de 50 euros para que cada veciño utilice no comercio e na hostalaría local


Será “unha grande inxección económica na cidade”, co obxectivo de “levar á xente de novo aos comercios e á hostalaría local”

O Concello de Ourense estimulará o consumo no comercio e na hostalaría local cunha nova campaña de axudas o próximo ano 2021. Así o anunciou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen proporá ao Pleno do Concello unha liña directa de axudas por un importe total de 5 millóns de euros, que terá como persoas destinatarias o conxunto da veciñanza da cidade. O proxecto no que traballa o goberno municipal prevé que cada veciño ou veciña de Ourense reciba un bono por importe de 50 euros, que poderá destinar exclusivamente ao consumo nos comercios e nos locais de hostalaría da cidade.

Esta liña de axudas será “unha grande inxección económica na cidade de Ourense, unha das máis ambiciosas de toda España”, asegura Pérez Jácome, quen sostén que nun escenario como o actual, marcado pola crise sanitaria e económica, o Concello de Ourense ten que ser “un balón de osíxeno”, que saia en apoio dos sectores máis directamente afectados pola recesión no consumo. Máxime, destacada, tendo en conta que o Concello “ten pulmón, xa que dispón dun importante remanente que non pode estar parado nos bancos e ten que estar circulando por Ourense”.

O alcalde trasladará ao Pleno do Concello a súa proposta: dotar unha partida de 5 millóns de euros, en bonos de 50 euros para cada veciño ou veciña da cidade, que podería estar dispoñible entre os meses de abril e xuño de 2021. Un prazo que se debe a que antes será preciso aprobar no pleno a dotación orzamentaria e realizar despois o proceso de tramitación das axudas.

O obxectivo final: que a xente volva so comercios e aos locais de hostalaría xa que, explica, “cando alguén utiliza ese diñeiro, metes xente no comercio, o retiras de Internet, que prexudica ao comercio local, e ademais con ese gasto poden comprar máis cousas, e recuperar o hábito de ir aos comercios e á hostalaría, que están perdendo clientes de forma importante”.

Será unha nova axuda para alentar a actividade económica na cidade, logo da que desenvolve o Concello na actualidade, a través da campaña de axudas aos autónomos, que se desenvolve durante o actual mes de outubro e que lles dará unha subvención de 2.000 euros por profesional, “a máis ambiciosa de España”, asegura o rexedor.

A elas se une as medidas específicas de axuda á hostalaría local, coa que o alcalde comprometeu hai uns días promover a supresión da taxa de veladores para os dous próximos exercicios: 2021 e 2022 e anular con carácter retroactivo a taxa do ano 2020, para contribuír a paliar os efectos do “golpe moi duro”, que sufriu o sector como consecuencia das restricións impostas para frear a pandemia da COVID-.19.

Deja una respuesta