Venres 23 de Outubro de 2020

A Pobra albergará novas actividades divulgativas sobre a píllara


Despois de que a semana pasada se procedese á realización de charlas divulgativas sobre a píllara en centros de ensino do municipio, este sábado 17, en horario de 16.30 a 18.30 horas, terá lugar unha actividade dirixida a colectivos usuarios dos areais, así como aberto á veciñanza en xeral. A dita cita consistirá primeiramente nunha exposición da vulnerabilidade da referida ave nas praias, cunha mesa participativa no Auditorio do Museo Valle-Inclán. Posteriormente, efectuarase o desprazamento á praia da Corna en vehículos propios para explicar os valores deste areal. A cabida estará limitada a 15 persoas debido ás condicións sanitarias existentes, polo cal se require a inscrición previa a través do enderezo electrónico medioambiente@apobra.gal.
No presente ano dáselle continuidade ao Proxecto de conservación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) nas praias da península do Barbanza. A Coruña, desenvolvido en 2019 por parte da SEO/BirdLife co financiamento da Deputación da Coruña. O Concello da Pobra do Caramiñal xa participara neste proxecto no pasado exercicio a través de senllas charlas divulgativas nos CEP
Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra, así como dun coloquio para o público en xeral.
O mencionado proxecto conta con accións relevantes de conservación e divulgación, pois afonda no traballo articulado coas institucións, públicas e privadas, a sensibilización ambiental en centros educativos, a investigación científica e a divulgación dos datos obtidos na propia comarca e en plataformas en liña e eventos de interese científico, tanto en Galicia coma a nivel nacional.
Cómpre sinalar que a píllara das dunas está en retroceso poboacional no ámbito español e galego, onde conta con menos de 90 parellas reprodutoras e, na comarca do Barbanza, atópase ao redor do 30/40% da poboación galega.

Pódense atopar máis datos e actividades relacionadas con esta e outras especies na seguinte ligazón: http://seopontevedra.blogspot.com/

Deja una respuesta