Venres 23 de Outubro de 2020

O Concello publica as bases das axudas para os autónomos da cidade, cunha achega de 20 millóns de euros


O alcalde lembra que Ourense destinará as maiores subvencións a este colectivo de toda España, 2.000 euros por autónomo.

 

O Concello de Ourense publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia e na páxina web do Concello as bases e a convocatoria das axudas que lle darán apoio aos autónomos da cidade para paliar os efectos da pandemia da COVID-19. Cun importe de 20 millóns de euros, esta liña de subvencións pretende impulsar a actividade económica da cidade e axudar a superar as consecuencias negativas da pandemia.

“Chegou o mes e esperamos que sexa un graniño de axuda” para os autónomos ourensáns, asegura o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen lembra que o Concello destinará a maior contía que un municipio destina a apoiar ao colectivo de autónomos en toda España, 2.000 euros para cada un, e nun único pagamento.

Subliña o rexedor que a partida aprobada para esta convocatoria, de 20 millóns de euros, é suficiente para atender todas as solicitudes que se reciban. “Hai para todos”, avanza, polo que recomenda solicitar as subvencións “escalonadamente, porque teñen todo o mes e non se van esgotar”.

Tamén recomenda que as axudas se soliciten por vía telemática: “Pola COVID-19 recomendamos non acudir fisicamente ao Concello porque produciría colas e problemas por aglomeracións”. Tamén apunta que a vía telemática “é a forma máis rápida”.

Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas traballadoras autónomas que exerzan a súa actividade económica no municipio de Ourense e se visen afectadas pola crise derivada da pandemia do COVID 19.

As persoas interesadas poderán solicitar as axudas desde mañá, venres, día 2, até o día 30 de outubro. A presentación poderá realizarse de modo presencial ou telemático, neste último caso a través da sede electrónica do Concello de Ourense. Desta forma poderase axilizar a tramitación das subvencións.

As solicitudes por vía presencial solicitaranse a través do Rexistro Xeral do Concello de Ourense ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro.

O Concello tamén recomenda realizar as consultas a través de correo electrónico, para o que estará operativo o enderezo axudasautonomos[arroba]ourense.gal.

Deja una respuesta