Venres 21 de Setembro de 2018

Industria levanta a suspensión da actividade nunha das zonas da Canteira de San Vicente en Vilamartín de Valdeorras


 

A medida permitirá aos traballadores de Canteiras Villamartín, S.L. retornar aos seus postos de traballo no momento no que a empresa adopte as medidas adecuadas

A Consellería de Economía e Industria vén de resolver o procedemento que tiña aberto a empresa Canteiras Villamartín, S.L, Cavima, en relación aos traballos realizados na canteira de San Vicente, e que supuxeron a paralización provisional da actividade por motivos de seguridade. Neste sentido, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, logo do análise da documentación presentada, decidiu restablecer a actividade nunha das zonas da canteira, e paralizar definitivamente os traballos na outra.

Así, a empresa poderá continuar coa súa actividade na denominada zona B, o que garante o mantemento dos postos de traballo, sempre que cumpra cos requisitos fixados na propia resolución.

Ditas obrigas, que se deben por en marcha antes de retomar os traballos de extracción no banco de lousa, encamíñanse a poñer e manter nas adecuadas condicións de seguridade a canteira. A empresa ten que dar cumprimento ás actuacións previstas no Plan Integral de Seguridade, implantando un sistema de instrumentación para o control inmediato dos movementos das ladeiras, ao tempo que acomete os traballos de estabilización da ladeira este.

Así mesmo, deberá elaborar unha disposición interna de seguridade que regule o procedemento e as medidas de actuación a adoptar polo persoal en función dos movementos topográficos das ladeiras; e designar unha entidade experta no control e vixilancia xeotécnica que leve a cabo o seguimento do proxecto de estabilización e do plan integral de seguridade.

Unha vez cumplimentadas estas medidas de seguridade, que contarán cun seguimento periódico por parte dos técnicos da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Cavima poderá retomar a súa actividade.

Deja un comentario