Sábado 31 de Outubro de 2020

Armando Ojea representou a cidade de Ourense na Conferencia de alcaldes do Eixo Atlántico


Alcaldes de Galicia e do norte de Portugal reivindican o papel protagonista das cidades na reconstrución post-COVID.

 

O tenente de alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea, representou a cidade na Conferencia de Presidentes do Eixo Atlántico, que se celebrou na cidade de Pontevedra. No encontro, alcaldes de Galicia e do norte de Portugal reivindicaron o papel protagonista que as cidades deberán asumir na reconstrución post-COVID19, logo de que a pandemia reforzase a súa importancia, e apuntaron que a crise debe ser unha oportunidade para a eurorrexión.

O tenente de alcalde tomou boa nota dos asuntos relatados, que van ter moita importancia de forma inmediata na época post-covid, especialmente desde o punto de vista municipal. Así, salienta que no encontro púxose de manifesto o papel clave que a intelixencia artificial vai desenvolver neste novo escenario, como ferramenta para a retención de talento e a captación de investimentos. Unha área na que o Concello de Ourense aposta decididamente co desenvolvemento en La Molinera dun Centro de Intelixencia Artificial ao que se incorporarán ducia de investigadores.

A conferencia reivindicou unanimemente o papel determinante que as cidades e os concellos desempeñaron durante a pandemia, cubrindo cos seus propios recursos os déficits doutras administracións dende os aspectos sociais e sanitarios de maior urxencia incluíndo os educativos, ata os aspectos culturais e de motivación da poboación para resistir o confinamento. Os participantes incidiron en que os concellos e a Unión Europea aumentaron exponencialmente a súa importancia en detrimento das administracións intermedias.

Cara ao futuro, expuxéronse aspectos como a necesidade de fomentar a cooperación entre municipios para captar investimentos do estado e da Unión Europea, e coas universidades e centros de investigación.

Nas políticas municipais, propóñense adoptar medidas innovadoras en mobilidade e transporte público, reforzar os servizos básicos dos concellos, potenciar localmente sectores económicos que non dependan da mobilidade e do turismo, fomentar a seguridade sanitaria e a acción municipal sostible.

Tamén se puxo de manifesto a importancia de aprender a xestionar as emocións sociais en evolución, de avaliar e resolver as enormes diferencias de impacto da COVID en diferentes sectores económicos e sociais, o denominado “impacto asimétrico”, a de abordar e resolver os retos provocados pola tensión entre contornas físicas e dixitais na educación e na administración, a necesidade de xerar confianza na cidadanía, minguada pola pandemia, e a aposta polas tecnoloxías punteiras, a captación de talento para captar tamén investimentos.

No encontro participaron rexedores de Galicia e Norte de Portugal, presidentes de Deputacións, representantes de universidades e cargos públicos que exercen ou exerceron a súa actividade na eurorrexión. Entre eles o alcalde de Braga e presidente do Eixo Atlántico, Ricardo Río, os seus colegas de Santiago, Xosé Manuel Sánchez Bugallo, Lugo, Lara Méndez, e Ferrol, Ángel Mato, o investigador en xenética, Anxo Carracedo, ou o expresidente da Xunta, Fernando Gonzaléz Laxe, entre outros.

Deja una respuesta