Venres 25 de Setembro de 2020

Baltar salienta “a resistencia do municipalismo diante dun Goberno soberbio que pretendía expropiar os aforros das entidades locais”


O presidente da Deputación de Ourense reitera, en relación á votación no Congreso, a pasada semana, na que as Cortes Xerais tombaron o acordo da cesión ao Executivo dos remanentes dos concellos, que foi “unha vitoria do municipalismo e unha derrota de Pedro Sánchez”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, salientou hoxe “a resistencia do municipalismo diante dun Goberno de España soberbio que pretendía expropiar os aforros das entidades locais”, e reiterou, en relación á votación no Congreso, a pasada semana, na que as Cortes Xerais tombaron o acordo da cesión ao Executivo dos remanentes dos concellos, que foi “unha vitoria do municipalismo e unha derrota de Pedro Sánchez”.

Baltar amosou hoxe en rolda de prensa a resolución do Boletín Oficial do Estado, do pasado 10 de setembro, no que se ordena a publicación do acordo de derrogación do Real Decreto Lei 27/2020, de 4 de agosto, de medidas financeiras de carácter extraordinario e urxente aplicables ás entidades locais. Criticou a “falta de palabra de Pedro Sánchez, quen se comprometera en abril a reunirse cos representantes do municipalismo español cada 15 días, e a realidade é que desde o 20 de abril ata hoxe, 14 de setembro, non houbo máis reunións. Iso é o que vale a palabra do presidente do Goberno: nada”.

Manuel Baltar dixo que, a pesares dixo, “a xunta de goberno da FEMP traballou cara a un pronunciamento que foi o documento para a reconstrución económica, aprobado por unanimidade, como todas as cuestións adoitadas pola FEMP; así era historicamente ata o momento no que ao presidente actual se lle ocorreu forzar unha votación o pasado 3 de agosto, e para sacala adiante utilizou o seu voto de calidade por primeira vez na FEMP en 40 anos”.

“Pola contra, nós o que pretendemos é que os cartos das veciñas e dos veciños se invistan no territorio que os xeraron; que se entreguen de inmediato e de forma incondicional, para que se poidan utilizar nas cuestións que os gobernos locais teñan a ben, no exercicio da súa autonomía local; e isto non sucede co acordo que se nos fixo chegar por parte do Goberno”, expresou Baltar, valorando que esta actuación “trouxo consigo unha crise no seo da FEMP e unha revolta municipal que levou a que o Congreso tombase o acordo”.

O presidente Baltar destacou os pronunciamentos e aprobacións en plenos por parte da Deputación de Ourense na defensa da non confiscación deses remanentes por parte do Goberno, co voto en contra do grupo socialista na Deputación, e tamén salientou as concentracións que houbo a pasada semana diante dos concellos da provincia en protesta por este tema.

Fronte ao que considera “unha inxustiza e un ataque ás competencias municipais por parte do Goberno”, Baltar remarca que “a alternativa sempre é o diálogo e o consenso para que os aforros e os remanentes poidan chegar a quen realmente lle pertence”, e incide en que esta “gran vitoria do municipalismo é unha sonora derrota de Pedro Sánchez, quen, agora, o teno moi fácil de solucionar: consello de ministros e aprobación dun novo real decreto coas peticións unánimes que xa coñece da FEMP con ese documento que aprobamos o pasado 22 de maio”.

Deja una respuesta