Venres 25 de Setembro de 2020

O Concello desbloquea as axudas aos autónomos, que se aprobarán este mes en xunta de goberno


O coordinador xeral reformulou o documento cunha nova redacción, que solventa a maioría dos reparos realizados pola Intervención

 

As bases das axudas que o Concello lles concederá aos autónomos xa están listas para a súa aprobación por parte da xunta de goberno local. O coordinador xeral do Concello, Francisco Cacharro, reformulou a redacción das bases nun novo documento que solventa a maioría dos reparos que a intervención municipal lle realizara á anterior redacción.

Así, as bases xa está listas para ser aprobadas por parte da xunta de goberno local do Concello na súa próxima reunión. O goberno municipal mantén así a previsión de que se aproben este mes e acto seguido se podan empezar as solicitudes.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, expresou esta mañá a súa satisfacción por conseguir “desbloquear” as subvencións, lembrando que axudarán a un colectivo tremendamente afectado polos efectos económicos da pandemia da COVID-19, cun programa de axudas municipal que prevé as subvencións “máis altas de España”, por importe de 2.000 €/por autónomo.

Neste senso, o alcalde pon en valor a achega do novo coordinador xeral do Concello para desbloquear as axudas: “Esta é a primeira acción das moitas que xustificarán o tremendo beneficio que terá o Concello de Ourense, tras incorporar ao seu persoal un dos maiores expertos de España de administración local”.

A xunta de goberno local na que se aprobarán as axudas convocarase tan pronto como se incorpore á Corporación Municipal Telmo Ucha Nóvoa, cuxa credencial como concelleiro se agarda que chegue nos próximos días e será ratificada nun pleno extraordinario. Posteriormente, o edil formará parte da xunta de goberno local.

Deja una respuesta