Venres 25 de Setembro de 2020

O alcalde considera de “extrema gravidade” que o presidente da Xunta exclúa Ourense da súa oferta de colaboración ás cidades galegas


“De ser así estariamos ante unha discriminación nunca vista na historia de Galicia”, asegura Gonzalo Jácome

 

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez, considera “de extrema gravidade” que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, exclúa Ourense da súa oferta de diálogo cos alcaldes das cidades galegas para colaborar na protección da saúde dos cidadáns, a recuperación económica e social dos concellos.

O rexedor ourensán realiza estas manifestacións tras ter coñecemento esta tarde, a través dos medios de comunicación, de que o presidente da Xunta lles remitise unha carta ao presidente da FEGAMP e aos rexedores de 6 das 7 cidades de Galicia, todas agás Ourense, para abrir esa vía de diálogo, que inclúe a execución de proxectos estratéxicos nas diferentes cidades.

“Quedámonos de pedra porque é difícil crer esta noticia”, asegura Pérez Jácome, quen pon de manifesto que “de ser así, estariamos ante unha discriminación nunca visita na historia de Galicia. Non esquezamos que Núñez Feijóo é o presidente de todos os galegos, independentemente de quen sexa o alcalde”, afirma.

Neste senso, sinala Gonzalo Jácome, “se realmente esa discriminación de Ourense faise por ser eu o alcalde”, estariamos ante un feito “inédito”, e estaría “prexudicando a terceira cidade de Galicia e os seus habitantes”. O rexedor valora se podería pedírselle amparo ao goberno español e á Unión Europea: “Estariamos ante algo que nunca se deu na historia de Galicia”.

Por ese motivo, conclúe o rexedor, “é algo dunha gravidade extrema, que eu como alcalde tentarei non permitir”.

Deja una respuesta