Venres 25 de Setembro de 2020

A directora de Saúde Pública da OMS, María Neira, Premio Ourensanía 2020


Manuel Baltar comunicou hoxe a concesión do galardón á premiada, de orixe ourensá, unha decisión que o xurado adoptou por unanimidade polo gran labor que a doutora Neira está a desenvolver en ámbito divulgativo e de concienciación sobre a pandemia do COVID-19

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, deu a coñecer hoxe o fallo do xurado do premio Ourensanía 2020, que determinou conceder o galardón á doutora de orixe ourensá María Neira, directora do Departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente da Organización Mundial da Saúde (OMS). O xurado, que adoptou a súa decisión por unanimidade destaca o gran labor que a doutora Neira está a desenvolver en ámbito divulgativo e de concienciación sobre a pandemia do COVID-19 desde a sede central en Xenebra.

María Neira estudou medicina na Universidade de Oviedo e realizou os seus estudos de especialización de Endocrinoloxía en Francia. Exerceu con Médicos sen fronteiras en Centroamérica e posteriormente trasladouse coa ONU a Mozambique e Ruanda. Ingresou na Organización Mundial da Saúde (OMS) como directora do departamento de Prevención e Erradicación de Enfermidades Infecciosas. Tras isto, en 2002, foi nomeada presidenta da Axencia Española de Seguridade Alimentaria, trasladándose a Madrid. Poucos anos despois regresou a Xenebra para continuar o seu traballo na OMS, xa como directora do departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente. Entre os premios que recibiu figuran a “Orde do Mérito Nacional” (Goberno da República Francesa, 2006); o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional á OMS (Fundación Príncipe de Asturias, 2009) que recolleu xunto a Margaret Chan, e o Premio » Woman» (2015) recibido de mans da Raíña Letizia, recoñecementos aos que une este ano o Premio Ourensanía (2020).

Manuel Baltar destaca que con este premio “a Deputación de Ourense distingue a unha das personalidades máis importantes do mundo no ámbito do COVID-19, un recoñecemento que recae en María Neira pero que, a través dela, faise extensivo a todas as persoas, colectivos e organizacións que, como a OMS, loitan no mundo contra a pandemia do coronavirus”, afirma o presidente Baltar, quen felicitou á premiada e trasladoulle que a provincia de Ourense “estará encantada de recibila o próximo 11 de novembro na gala de entrega do Premio Ourensanía para facela entrega do galardón”, gala que se celebrará, como vén sendo tradicional, no Teatro Principal da capital ourensá.

O Premio Ourensanía é un recoñecemento honorífico que a Deputación de Ourense outorga a aqueles ourensáns vinculados á provincia que destacaron nas súas facetas profesional, social ou intelectual.

Ano 2021 dedicado a “ Tacholas”

Por outra banda, o xurado do premio, na súa reunión de hoxe, determinou tamén dedicar o ano 2021 á memoria do actor Fernando Iglesias “ Tacholas”, un dos principais actores galegos do século XX que desenvolveu a súa vida artística na emigración arxentina. No país austral converteuse nunha gran figura do teatro e participou en numerosas películas.

Fernando Luís Iglesias Sánchez naceu en Ourense o 25 de agosto de 1909. As súas inclinacións cara ao canto levárono a pertencer a diversas entidades corais, en especial a Coral Ruada. En 1929, en Buenos Aires, intégrase na actividade cultural das sociedades galegas, en especial da Unión Provincial Ourensá. En 1932 comeza a actuar na radio e enseguida comezou a facerse famoso entre a colectividade galega. Nesta época ten tamén orixe o nome polo que sería coñecido: Tacholas. Durante a guerra civil, participou en festivais dedicados a recadar fondos para axudar á causa republicana.

En 1945 funda con Maruxa Boga e Alfredo Aróstegui a audición radiofónica «Lembrando a Galicia», programa baseado nunha idea orixinal de Castelao. Ao mesmo tempo, Tacholas converteuse nun personaxe asiduo aos festivais e celebracións da colectividade galega. En 1953 inaugurou un novo programa radiofónico: «La Voz de Galicia». A finais dos anos cincuenta comeza a traballar no cinema arxentino e intégrase en diversas compañías teatrais, e en 1970 forma parte dos elencos do Teatro Municipal «Xeneral San Martín», levando a cabo tamén numerosas xiras polo interior do país e polo estranxeiro. Morreu en Buenos Aires o 14 de maio de 1991.

O xurado do premio Ourensanía estivo integrado nesta edición por: Manuel Baltar (presidente); Manuel Guede, Luís G. Tosar, Jesús de Juana, Juan Luís Saco, Patricia Torres, Eva Torres e Miguel Anxo Fernández (vogais) e Aurelio G. Villar (secretario).

Deja una respuesta