Venres 25 de Setembro de 2020

150 deportistas participan mañá en Castrelo de Miño na Copa Deputación de piragüismo


A regata -campionato provincial Xogade-, é a primeira que se disputa en Ourense tralo estado de alarma; puntúa para a liga provincial de piragüismo, integrada tamén polas probas que se celebrarán en marzo de 2021 en Barra de Miño e Muíños

Castrelo de Miño acolle mañá sábado, a partires das 11.00 horas, o campionato provincial Xogade, enmarcado na Copa Deputación de Ourense de Piragüismo. A regata foi presentada hoxe no Pazo Provincial, coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, o xefe de servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o delegado provincial da Federación Galega de Piragüismo, José Manuel Fernández, e o presidente do club piragüismo Avión-Castrelo de Miño, Pedro Andrés.

“Trátase da primeira regata de piragüismo provincial, que suporá tamén o campionato provincial Xogade de piragüismo e puntuará para a liga provincial Copa Deputación 2020, unha liga que este ano tamén estará integrada polas regatas que se celebrarán o 3 e 24 de marzo en Barra de Miño e Muíños, respectivamente”, explicou Rosendo Fernández.

Nesta competición prevese a presenza de máis de 150 deportistas de toda a provincia, comentou José Manuel Fernández, afirmando que por parte da Federación “deseñouse un estrito protocolo de seguridade, que se está levando a cabo en todas as competicións de piragüismo”.

O alcalde de Castrelo de Miño agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense nesta e noutras iniciativas que se desenvolven no concello, e salientou a importancia “de combinar auga, convivencia, natureza e formación deportiva para os máis novos, unha simbiose para potenciar o rural”, expresou Avelino Pazos.

A regata, a primeira que se celebra en Ourense tras o estado de alarma, está organizada pola Federación Galega de Piragüismo e conta coa colaboración da Deputación de Ourense, o Concello de Castrelo de Miño, o club Piragüismo Fluvial Avión-Castrelo de Miño e o servizo de Deportes da Xunta de Galicia. “Unha excelente ocasión para demostrar as máximas garantías fronte á prevención do Covid-19 que todas as entidades e institucións implicadas nesta proba poñemos sobre a mesa”, remarcou Manuel Pérez.

Finalmente, o presidente do club de piragüismo Avión-Castrelo de Miño destacou “o protagonismo dos xoves deportistas” e agradeceu “o labor dos pais que os levan ás competicións e aos adestramentos”, dixo Pedro Andrés.

Deja una respuesta