Venres 15 de Xaneiro de 2021

Baltar expresa “a máxima colaboración” co novo executivo galego e saúda que a Xunta “priorice sanidade, economía, emprego e empresa”


O titular da Deputación de Ourense, o único presidente provincial galego presente hoxe na toma de posesión dos conselleiros, reafirmou o seu respaldo á cooperación e ao labor de Alberto Núñez Feijoo, “quen novamente mereceu a confianza maioritaria de Galicia expresada nunha maioría absoluta rotunda e contundente”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, expresou hoxe en Santiago, tralo acto de toma de posesión dos conselleiros do novo executivo galego, “a máxima colaboración co novo goberno”, e saudou que a Xunta “priorice sanidade, economía, emprego e empresa”.
O titular da Deputación de Ourense -o único presidente provincial galego presente na toma de posesión dos conselleiros- reafirmou o seu respaldo “á cooperación e ao labor de Alberto Núñez Feijoo, quen novamente mereceu a confianza maioritaria de Galicia expresada nunha maioría absoluta rotunda e contundente”. Baltar cualificou de “sumamente acertado” o equipo de Núñez Feijoo, “polo peso que lle da nestes tempos á sanidade, á economía, ao emprego e á empresa, coa creación dunha consellería nova de Emprego e Igualdade, e potenciando o labor empresarial con esa vicepresidencia segunda de Francisco Conde”, salientou Baltar.
O presidente da Deputación desexoulles sorte e éxitos aos novos integrantes do goberno e recoñeceu o traballo realizado dos que deixan de selo, destacando: “Inauguramos unha nova e estreita colaboración co goberno autonómico, que tan bos froitos deu nos últimos anos a todos os niveis: no sanitario, cando decidimos a cometer infraestruturas como os accesos ao novo hospital; pasando polo ámbito educacional, con esa aposta polo centro galego innovación da Formación Profesional, e colaborando tamén con medio rural no ámbito da prevención de incendios e na adquisición de maquinaria”. “Temos claros os obxectivos e os retos, e toda a disposición para seguir traballando neste escenario incerto onde as administracións temos que achegar solucións, liderar á sociedade e anticiparnos, como fixemos no seu momento desde a Deputación de Ourense coas axudas a Pemes e a autónomos do territorio ourensán”, dixo Manuel Baltar.

Deja una respuesta